Xeografía

Concello da Baña conta con quince parroquias: (San Vicenzo) A Baña, (San Xoan) Barcala, (Santa Mariña) O Barro, (San Miguel) Cabanas, (San Cristovo) Corneira, (San Salvador) A Ermida, (San Pedro) Fiopáns, (Santa Baia ) Lañas, (Santa Cristina) Marcelle, (Santa María) Ordoeste, (San Xoan) A Riba, San Cibrán de Barcala, (San Mamede) Monte, (San Mamede) Suevos, e (Santa María) Troitosende, e 102 entidades de poboación, repartidas ao longo e ancho dos seus 98,2 km2 de extensión, e cuns 4.673 habitantes (a setembro de 2007).

Está situado ao oeste de Santiago de Compostela, e limita cos concellos de Ames, Negreira, Val do Dubra e Santa Comba. Dista uns 27 km da capital autonómica.

É un concello eminentemente rural, con case o 50% da súa poboación adicada a actividades agro-gandeiras, destacan tamén os recursos forestais, e conserva aínda algúns vestixios de artesanía tradicional, por exemplo veciños que fan sombreiros, ou que traballan a pedra.

relevo municipal caracterízase polos tres vales que baixan dende as terras de Xallas cara ao Tambre. O máis occidental é o de Barcala, formado polo río Barcala, que discorre case na súa totalidade por terras do municipio ata achegarse á vila de Negreira, onde empalmará co río Tambre. O val central, formado polo río que recibe os nomes de Baña e Albariña, únese ao Barcala na entrada de Negreira. O máis oriental fórmao o río Portalaxe, que nace e morre sen deixar o municipio. Todos se unen ao río Tambre, que marca o límite co concello de Ames.

Os ríos do municipio teñen boa sona entre os afeccionados á pesca da troita.

O municipio ten un clima temperado, oceánico e húmido, cun índice anual de precipitacións que se achegan aos 2.000 mm. As temperaturas son moderadas, con 7,20 ºC de media en xaneiro, e 17,90 ºC en xullo. Isto fai que a vexetación sexa variada e frondosa.

Historia

 Situado no fermoso val de Barcala, que o Concello da Baña forma conxuntamente co de Negreira, A Baña posúe vestixios arqueolóxicos como os castros da Baña e Lañas, as mámoas de Ferreiros, etc.

Foi unha zona intensamente romanizada, o que se desprende da súa toponimia. A presenza de núcleos como Suevos ou Francos dan fe do asentamento de pobos bárbaros.

Na época medieval foi berce dos Trastámara, dominio dos señores de Altamira; persoeiros como Xelmírez ou a raíña Urraca dan constancia dun momento florecente.

románico e o gótico deixan a súa pegada sobre todo nas igrexas; comeza pois unha época de florecemento no século de ouro que continuará no século XVI, con construcións palacianas como o pazo de Leis.

O século XVII, sobre todo no período barroco, foi outro momento florecente, no que destacan as torres-campanario das igrexas(Fiopáns, Monte).

De aí pasouse a épocas de decadencia económica e política, reformas na súa maior parte debidas ás guerras da Independencia e Carlista, ás incautacións de bens eclesiásticos e de confrarías, así como á suba de impostos.

E xa no século XX, continuando aínda a decadencia, esta terra consegue sobrevivir coa agricultura, a gandaría, e tamén coa emigración