Imprimir
Categoría: novas
Visto: 1527

O Pleno da Corporación da Baña aprobou hoxe as retribucións do equipo de goberno así como unha rebaixa á veciñanza do 5% no recibo do lixo. Na sesión tamén se acordou modificar as ordenanzas que se aplicarán polo uso do local da área recreativa de Agra de Chans e pola corta de madeira. O Concello iniciará o expediente de contratación para renovar as luminarias do concello para aumentar o aforro enerxético. A aprobación provisional do polígono industrial queda para un Pleno posterior (vídeo íntegro do Pleno na canle de Youtube do Concello da Baña, neste enlace)

O equipo de goberno conseguiu aprobar no Pleno de hoxe as propostas para que o alcalde da Baña e a concelleira de Cultura  teñan un soldo polo seu traballo no Concello. José Antonio Pereira terá unha retribución bruta anual de 30.000 euros por unha dedicación exclusiva, e Mónica González recibirá 12.000 euros anuais por unha dedicación parcial. En ambos os dous casos, os salarios terán efecto retroactivo dende o día que tomaron posesión dos seus cargos, o pasado 15 de xuño. O acordo saíu adiante cos votos do PSdeG (4) e de Compromiso por Galicia (2), mentres que o PP mantivo o seu voto en contra.

20191120 Pleno Baña soldo alcalde web

Os veciños da Baña verán reducido nun 5% o recibo de recollida de lixo despois do acordo plenario de hoxe. A Corporación aprobou unha rebaixa do 5% para este ano, que lle será aboada a veciñanza. Para o vindeiro ano 2020 non se aplicará a subida do IPC e, ademais, manterase a rebaixa do 5% no recibo, para trasladarlle así á veciñanza a bonificación do canon de Sogama pola xestións dos residuos urbanos. Sogama aplica unha rebaixa do 10% na factura que lle cobra ao Concello pola recollida do lixo, importe que representa un 5% de aforro no recibo que se lle aplica á veciñanza. O acordo aprobouse por unanimidade.

Por outra banda, tal e como se comprometera no Pleno de outubro, o goberno local presentou unha modificación da ordenanza reguladora das actividades de corta de madeira, para que as empresas que realizan  estes traballos depositen unha fianza en metálico no Concello, ademais do seguro de responsabilidade civil, para facer fronte aos posibles danos nas pistas e camiños públicos que se produzan durante a súa actividade. 

Neste senso, o Pleno aprobou por unanimidade modificar esta ordenanza, de xeito que, ademais de presentar un seguro de responsabilidade civil, aquelas empresas que utilicen camións de menos de 16 toneladas deberán depositar unha fianza de 1.600 euros en metálico para responder dos danos que poidan causar. Se os vehículos cargan máis de 16 toneladas, a fianza será de 3.1.00 euros. 

En canto á ordenanza polo uso da área recreativa da Baña, que se vai circunscribir ao local de Agra de Chans, o Pleno tamén aprobou por unanimidade fixar unha fianza de 50 euros que deberán depositar aquelas persoas que soliciten a utilización deste local. A petición de Compromiso por Galicia analizarase se a lexislación permite usar este local dúas horas máis do que está fixado actualmente, para amplialo ata as dúas horas da madrugada.

Por unanimidade tamén se aprobou Iniciar o expediente de contratación da renovación das instalacións de iluminación pública para reducir as emisións de CO2 á atmosfera, por un importe total de 493.183 euros e que terán un período de execución de 8 meses. Estas obras contan cunha subvención do IDAE, do Ministerio para a Transición Enerxética.

A unha pregunta do Partido Popular, o alcalde informou de que o Concello vai investir algo máis de 8.000 euros en cambiar e arranxar os cinco repetidores de televisión municipais que están en diferentes puntos da Baña para que a veciñanza reciba o sinal de televisión en mellores condicións.