• O expediente será remitido á Xunta para que o solo industrial se poida poñer en marcha de forma inminente

    • A mesa de contratación contará coa presencia de catro funcionarios e dous representantes dos grupos políticos

    • O xoves 16 haberá unha concentración diante do centro de saúde para reclamar que se cubran as baixas e vacacións da pediatra

 

 

O Pleno da Corporación da Baña acordou hoxe por unanimidade aprobar provisionalmente o plan de sectorización do solo rústico apto para urbanizar SRAU-2, que permite desbloquear a tramitación do polígono industrial na Eiroa. O acordo plenario e todo o expediente remitirase á Xunta para que se de o visto bo ao solo industrial, e poder cerrar así un trámite que se solicitara en outubro de 2016. Se dende a Xunta non se solicita máis documentación, a Baña poderá contar cun polígono industrial, algo que os tres grupos políticos da Corporación agardan que ocorra en breve.

Na sesión de hoxe (ver vídeo íntegro neste enlace) tamén se aprobou a moción de Compromiso por Galicia para modificar a composición da mesa de contratación, na que pasarán a estar presentes dous representantes dos grupos políticos da Corporación (de forma rotatoria). Segundo o informe emitido pola secretaría do Concello, e dado que os representantes políticos non poden superar un terzo dos membros da mesa, neste órgano deberán estar presentes catro funcionarios municipais a partir de agora.

A idea inicial de CxG era que na mesa estiveran presentes un membro do PSdeG, outro do PP e outro de Compromiso, pero diante do informe de Secretaría propuxo que só fosen dous e de forma rotatoria. O alcalde propuxo que só estivese un representantes dos partidos políticos, que se fose rotando en cada mesa, para non ter que incrementar o número de traballadores municipais presentes neste órgano ata catro persoas. Na votación, a proposta foi aprobada co apoio de CxG e do PP (6 votos), mentres que o equipo de goberno do PSdeG votou en contra (4).

No apartado de rogos e preguntas, o alcalde anunciou que o xoves 16 de xaneiro, ás 12.00 horas, está convocada unha concentración diante do centro de saúde para reclamar que o Sergas cubra as baixas por enfermidade ou as vacacións da pediatra asignada á Baña, e que tan só atende aos nenos e nenas dous días a semana. Dende o Concello xa se enviou unha carta ao Sergas solicitando esta medida, xa que ao non cubrir estas ausencias, os nenos e nenas da Baña teñen que desprazarse ata Santiago para poder ser atendidas por un pediatra do Servizo Galego de Saúde. “Dado que o Sergas non respondeu á carta que lle remitimos a principios de decembro e polo que convocamos esta concentración”, indicou o alcalde.

20200108 Pleno poligono ALI1876