Imprimir
Categoría: novas
Visto: 872

O alcalde da Baña acaba de asinar un decreto polo que se suspende o cobro dos recibos daquelas actividades promovidas polo Concello e que están paralizadas dende mediados de marzo debido ao decreto de estado de alarma pola pandemia do coronavirus Covid-19. Aínda que non lle pasará o recibo á veciñanza, o Concello da Baña si lles pagará o mes de marzo íntegro a aquelas empresas que impartían estas actividades, sempre que non presenten ERTE, como medida para axudar as pequenas empresas e autónomos.

O Concello da Baña, igual que ocorre en todo o país, decretou a suspensión das actividades culturais, sociais, deportivas e lúdicas promovidas polo Concello, que non se realizan dende o pasado 16 de marzo, seguindo as indicacións e estipulacións incluídas no Real decreto que declara o estado de alarma en España e da resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta.

Agora, o decreto da Alcaldía exime de pagar os recibos correspondentes, dende o 16 ata o 31 de marzo e mentres dure o estado de alarma, a todas as persoas e familias que estaban acudindo ao Punto de Atención á Infancia (PAI), ao servizo A Baña madruga (madrugadores do colexio público), curso de robótica, actividades para maiores, Escola Municipal de Música e actividades deportivas (patinaxe, baloncesto, xadrez e tiro con arco).

Aínda que as persoas usuarias non pagarán os recibos da segunda quincena de marzo, e mentres dure o estado de alarma, o Concello da Baña decidiu pagarlles íntegro o mes de marzo ás empresas e autónomos que imparten estas actividades, como medida para contribuír ao mantemento de pequenas empresas e autónomos.

Unha vez que se levante o estado de alarma, se poida recuperar a normalidade e se volvan a impartir as actividades suspendidas, o Concello volverá a pasarlles os correspondentes recibos ás persoas usuarias.