20200607 Baña desinfecta contedores lixo

BAÑA contedor pechadoO Concello da Baña comezou onte a limpar e desinfectar o exterior dos contedores do lixo, antes de que o camión faga a limpeza no interior deste depósitos, que a partir de agora volverán ter a tapa pechada como recomenda a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Dende o luns, o punto limpo da Baña volverá a recoller refugallos, sempre que as persoas interesadas soliciten cita previa no teléfono 664 042 597.

Onte comezou a limpeza e desinfección do exterior dos contedores do lixo e tamén a das tapas, á espera de que comece a pasar o camión para limpar o seu interior.

O Concello, seguindo as recomendacións da Fegamp, vai pechar a partir de agora as tapas dos contedores, para evitar cheiros, a proliferación de pragas de mosquitos e cascudas e para que os animais non rachen as bolsas. Por este motivo, pídeselle á veciñanza que cando vaia depositar o lixo, utilice luvas para evitar posibles contaxios, e que despois lave ben as mans.

Punto limpo con cita previa

Por outra banda, dende o luns comezará a funcionar de novo o punto limpo da Baña. Para levar os refugallos a este espazo, situado detrás do polideportivo de Lañas, as persoas interesadas deberán solicitar cita previa no teléfono 664 042 597, para concretar día e hora para levar o lixo. Cando se acheguen, deberán utilizar medidas de protección (máscaras e guantes) e manter a distancia de seguridade coas persoas que se poidan atopar alí nese momento.

O horario do punto limpo será de 10.00 a 14.00 horas de luns a sábado. Neste horario será cando se poida pedir a cita previa e tamén levar os refugallos.