• Mónica González mantivo contacto cunha persoa enferma allea ao concello

  • Sanidade non considera necesarias as probas, pero o goberno local ofrécelles a posibilidades aos traballadores municipais para maior tranquilidade

20200822 covid

O alcalde da Baña mantivo esta mañá unha reunión cos traballadores para informarlles que a concelleira de Cultura, Mónica González, está enferma de covid-19. Aínda que deu positivo tras manter contacto cunha persoa enferma allea ao concello, o goberno local ofrécelles aos traballadores municipais a posibilidades de facer probas diagnósticas con cargo ao Concello.

Segundo informou ela mesma, a concelleira de Cultura atópase actualmente illada no seu domicilio, seguindo as recomendacións de Sanidade, xunto coas persoas que conviven na casa. Mónica González sospeita que se contaxiou despois de manter contacto cunha persoa amiga que é totalmente allea ao Concello da Baña. 

Despois de que esa persoa fora diagnosticada, e se fixera o seguimento aos seus contactos, tras realizarlle unha proba PCR o pasado sábado, Mónica González deu tamén positivo e comezou o período de illamento no fogar, con síntomas leves.

Tendo en conta que na casa consistorial da Baña se respectan as medidas de distanciamento social e as recomendacións para evitar a propagación do coronavirus, dende Sanidade non consideran necesario facer as probas diagnósticas aos traballadores e traballadoras municipais. Non obstante, o alcalde explicoulle hoxe ao persoal que o concello asumirá o custo de realizar as probas aos traballadores que as queiran facer.

Despois dos brotes rexistrados tras reunións familiares nas parroquias de San Mamede do Monte e de Suevos, no municipio da Baña hai rexistrados actualmente 16 positivos por coronavirus. Outras 7 persoas foron xa dadas de alta.

Debido a estes brotes rexistrados a partir do 20 de agosto, o Concello da Baña suspendeu todas as actividades culturais e deportivas programadas durante estas últimas semanas, ademais de pechar os parques infantís e a área recreativa de Agra de Chans.

Dende o goberno local recordan que nestes momentos é preciso manter a calma e extremas as medidas de seguridade e hixiene:

  • Uso obrigatorio da máscara
  • Hixiene continua de mans
  • Manter a distancia social e evitar as reunións multitudinarias

E, recorden, se senten síntomas compatibles coa Covid-19 (febre, tose seca, malestar xeral, dificultade para respirar), non vaian directamente ao centro de saúde, deben chamar ao 061.

Poden obter máis información na web coronavirus.sergas.es e no teléfono 900 400 116.