Imprimir
Categoría: novas
Visto: 890

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) chamou hoxe por teléfono ao alcalde da Baña para dicirlle que tiña que permanecer illado no seu domicilio ata o día 21, por ter estado en contacto co traballador do Concello que o luns, día 7, deu positivo na covid-19. 

José Antonio Pereira Gil seguirá teletraballando dende a casa ata que se cumpra a corentena ditaminada polas autoridades sanitarias. Na conversa telefónica de hoxe, o alcalde recordoulle ao persoal do Sergas que o pasado martes, día 8 de setembro, fixera unha proba PCR que dera negativo. Malia a este resultado, o Sergas insistiu que debía gardar corentena ata o día 21 deste mes.

Atendendo á petición das autoridades sanitarias, o alcalde permanece no seu domicilio dende que recibiu a chamada telefónica. José Antonio Pereira seguirá mantendo comunicación constante por vía telefónica e telemática co persoal do Concello para atender as súas obrigas ata que remate a corentena.

Ata o momento, as autoridades sanitarias tan só decretaron o illamento domiciliario do alcalde, que estivo en contacto co traballador municipal que o pasado luns deu positivo en coronavirus. O resto de persoal do concello pode seguir acudindo ao seu posto de traballo.

O resto de traballadores municipais deron negativo

A concelleira de Cultura e este traballador municipal foron os únicos que, ata o momento, deron positivo na proba do coronavirus e atópanse illados nas súas casas dende o sábado e o luns pasado, respectivamente. Ambos evolucionan favorablemente.

Ante esta situación, o mesmo luns, o Concello ofrecéulles a todos os traballadores e traballadoras municipais a posibilidade de facer probas diagnósticas (PCR ou test serolóxicos), que en todos os casos deron negativo. 

Hoxe, o Sergas púxose en contacto co alcalde para decretar o seu illamento domiciliario polo contacto que tivo co traballador municipal enfermo. 

José Antonio Pereira recoméndalle a veciñanza utilizar a asistencia telefónica e telemática para realizar as xestións que necesiten facer coa administración local, para evitar aglomeracións na casa consistorial. O alcalde insiste que nestes momentos é preciso manter a calma e extremar as medidas de seguridade e hixiene:

En caso de ter síntomas compatibles coa Covid-19 (febre, tose seca, malestar xeral, dificultade para respirar), non vaian directamente ao centro de saúde, deben chamar ao 061. Poden obter máis información na web coronavirus.sergas.es e no teléfono 900 400 116.