Imprimir
Categoría: novas
Visto: 743

 

O Pleno da Corporación da Baña rexeitou onte as bases reguladoras para a concesión do bonotaxi cos votos en contra de PP (5), a abstención de GxG (2) e o voto favorable do goberno socialista (4). Na sesión gardouse un minuto de silencio polo pasamento do exconcelleiro socialista José Manuel Paredes Suárez, que foi soterrado pouco antes da sesión, e de quen se destacou o traballo que realizou en favor da comunidade durante a súa etapa política (vídeo íntegro do pleno neste enlace).

O alcalde defendeu as bases reguladoras do bonotaxi como medida para facilitar a mobilidade das persoas con mobilidade reducida e persoas maiores de 65 anos con escasos recursos, para que poidan desprazarse dentro do municipio e nun radio inferior a 30 quilómetros. As bases, indicou José Antonio Pereira, foron elaboradas polo departamento de Servizos Sociais do Concello e tentan solucionar os problemas detectados na Baña.

José Andrés García Cardeso (PP) replicou que as bases eran un “amalgama de articulado” que non cumpren os criterios do bonotaxi, que se debería conceder en base a dous criterios claros: persoas con grandes discapacidades ou con mobilidade reducida. David Gontán (CxG) considerou que o texto que recolle as bases “é inmaturo” e debería modificarse, polo menos, en varios criterios.

Na votación, o PSdeG votou a favor (4), o PP en contra (5) e Compromiso por Galicia abstívose (2), polo que as bases foron rexeitadas.

No apartado de rogos e preguntas, e entre outros temas, o PP preguntou polos trámites realizados dende o equipo de goberno diante da Consellería de Educación para mellorar o CPI San Vicente, ou diante da Dirección Xeral de Xuventude para facer actividades ou intercambios xuvenís.

O alcalde contestou que sigue á espera de que dende a Consellería de Educación se dea resposta a solicitude de reunión solicitada para as melloras no colexio. Mónica González, pola súa banda, dixo que se solicitada unha subvención  para voluntariado xuvenil e campamentos, pero que non se solicitaran intercambios porque “non se considera o momento oportuno para facelo e porque non atopamos ningunha documentación do concello sobre os intercambios feitos no pasado”.

Dende Compromiso por Galicia, David Gontán fixo referencia ao asfaltado da estrada do Seilán e pediu que se revisen os sumidoiros  pluviais, “porque se botou asfalto por encima, para limpalas”. Pola súa banda, e entre outros temas, César Ramos preguntou cantas vivendas se van beneficiar da subvención para levar traída de auga á parroquia de Ordoeste.

O alcalde respondeu que se van beneficiar unhas dez ou once casas, e recordou que “é obrigación do Concello dotar de abastecemento de auga e saneamento a toda a veciñanza”.

O vídeo íntegro da sesión pódese ver no canal de Youtube do Concello da Baña, neste enlace.