O Concello da Baña convida a todos os nenos e nenas do municipio a acudir ao parque de atraccións Silleda Park o xoves 27 de decembro, de tres e media da tarde a nove e media da noite. Para facilitar os desprazamentos, o Concello ofrecerá un servizo de autobús onde a cativada deberá ir acompañada polo pai, nai, titor ou persoa autorizada.

A inscrición deberá realizarse na Concellería de Cultura, planta alta do concello, dende o luns 17 de decembro ata o día antes da visita. As prazas son limitadas, 55 entre menores e familiares, e terán preferencia os empadroados na Baña.

As entradas para o Silleda Park custan 6 euros por persoa e os menores de tres anos pasarán de forma gratuíta. Ademais, con cada ticket todos os asistentes poden acceder as veces que queiran nas atraccións.

A rapazada e os non tan cativos poderán gozar con infinidade de atraccións como saltóns, pista de coches, dragón, barco, tiratacos, camas elásticas, scalextric, inchables, Mario kart... Ademais, Silleda Park dispón de servizo de restauración, karting infantil, videoxogos, pistas deportivas, máquinas recreativas, talleres de maquillaxe, globoflexia e moito máis. Todo o preciso para pasar unha tarde de Nadal divertida e chea de actividades onde adultos e cativos poderán gozar uns cos outros.

Podes descargar e cubrir a ficha de inscrición no arquivo adxunto a esta nova.