20180104 Reis2019 Concello Bana 940

A comitiva dos Reis Magos de Oriente chegará mañá á Baña sobre as cinco e media da tarde, para recibir a pequenos e maiores no local social. Alí escoitarán atentamente todas as peticións de nenas e nenos, e tamén dalgún que outro avó ou avoa, se se animan. Para os asistentes haberá un agasallo, 200 bolsas con lambetadas e doces, tamén aptos para persoas celíacas ou diabéticas.

Ao rematar a recepción, as persoas asistentes poderán degustar rosca e chocolate (tamén aptos para celíacos e diabéticos) no local da terceira idade, mentres os Magos de Oriente se achegan ata o fogar residencial de Ceilán para agasallar ás persoas maiores.

Precisamente no local da terceira idade, os Magos atoparanse cunha decoración especial que estiveron facendo este días os nenos e nenas que participaron no Nadal Xogo, que rematou hoxe.

Maxia con Pedro Bugarín

E para amenizar a espera pola chegada de Melchor, Gaspar e Baltasar, outro mago, neste caso Pedro Bugarín, ofrecerá o seu espectáculo de maxia a partir das catro e media da tarde no local social.