20190312 Cartel Festa Musica A RibaA asociación Nosos Aires e o Concello da Baña celebran este sábado a súa II Festa da Música cunha especial homenaxe á muller rural. O 23 de marzo a parroquia da Riba convida á veciñanza da contorna a pasar unha xornada de troula no campo da festa da Carballeira, onde se habilitará unha carpa e se levará a cabo o xantar popular, o descubrimento dunha placa conmemorativa e a lectura dunha carta adicada á muller labrega. Ademais de contar cun mural fotográfico e cunha mostra da vestimenta da época.

Este sábado, a partir das 13.30 horas, celébrase na parroquia bañense da Riba a II Festa da Música na que se conmemora a tradición musical desta zona, que existe dende varias xeracións atrás e que aínda perdura entre a veciñanza máis nova. Pero na Riba non só hai músicos, por iso este ano a troula contará cunha especial homenaxe á muller do rural. Esta figura que tamén segue presente hoxe en día é fundamental para comprender a historia desta parroquia do Concello da Baña.

Coa colaboración da veciñanza, a asociación Nosos Aires conseguiu reunir fotografías e vestimentas da época que se expoñerán durante toda a xornada no lugar da celebración. Deste xeito, reflexarase a cantidade e variedade de labores que levaba a cabo a muller do rural, dentro e fora do fogar, durante o século XX. En definitiva, reflexarase a súa gran importancia. Ademais, lerase unha carta e descubrirase unha placa en homenaxe a este colectivo.

Na celebración non faltará o xa tradicional xantar popular composto por pulpo á feira, carne ó caldeiro, bebida, sobremesa e café. As actuacións musicais animarán a festa a partir das 17.00 horas da tarde da man de grupos de música folclórica da contorna coma os Campantes da Baña. O Dúo Rosán será o encargado de poñer o broche final e de despedir a Festa da Musica da Riba ata o vindeiro ano.