A Deputación da Coruña pon en marcha dous cursos de salvamento acuático destinados a mozos e mozas desempregados maiores de 18 anos. As persoas seleccionadas participarán nunha dobre acción formativa: a primeira, de socorrismo en espazos acuáticos naturais, comezará en febreiro; e a segunda, de socorrismo e instalacións acuáticas, desenvolverase a partir de setembro.

As persoas interesadas en participar poderán inscribirse no Concello da Baña ata o venres 5 de febreiro ás 12:00 horas. Para iso, deberán presentar un informe de saúde recente, con data posterior ao 11 de xaneiro, e cubrir un formulario.

A inscrición realizarase nunha única solicitude para participar en ámbolos cursos, o que suporá a obtención dunha dobre titulación. Trátase de certificados de profesionalidade de nivel 2, polo que as persoas candidatas terán que estar en posesión da formación que posibilita o acceso. Asimesmo, terán que xustificar que non padecen ningunha enfermidade infecto-contaxiosa ou afeccións crónicas e deben presentar unha condición física axeitada para adicarse ao salvamento.

Rematado o prazo de inscrición, darase a coñecer a data e o lugar no que se realizarán as probas físicas. As vinte persoas con maior puntuación pasarán logo unha entrevista persoal, á que deberán levar toda a documentación esixida para poder participar nos cursos.

A formación teórico-práctica dos cursos realizarase no Centro de Formación de Cruz Vermella na Coruña, mentres que as prácticas profesionais non laborais se desenvolverán en praias de concellos da provincia. A iniciativa, enmarcada no Plan de Emprego Local (PEL), leva aparellada a concesión de bolsas para as persoas participantes por un importe máximo de mil euros.

Pódense consultar as bases do proceso e descargar o formulario de inscrición nos arquivos adxuntos.