20190213 Troitomil Foto googlemaps

 

O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, acusa o grupo socialista municipal de recorrer á “política do barullo e da confusión” para alarmar os veciños sobre a construción dun parque eólico en Troitomil, “cando na Xunta de Galicia non se iniciou ningunha tramitación nin expediente ao respecto. Isto é facer política basura”, afirma o rexedor.

Andrés García xa mantivo unha reunión co director xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ángel Bernardo Tahoces, “quen asegurou que na Xunta non se está a tramitar ningún expediente sobre un parque eólico na Baña”. O único que ocorreu ata o momento, asegura o alcalde, é que a empresa Green Capital Power SL “presentou no Rexistro Eólico de Galicia, da Xunta, un escrito solicitando autorización para construír un parque eólico en Troitomil. Nada máis. Non se iniciou ningún trámite administrativo. Nin sequera se contestou ao escrito”, engade.

O alcalde acusa aos socialistas de estar “xerando confusión entre os veciños da Baña e trasladando información que non é veraz. Xa están convocando reunións, e incluso recollen firmas contra un proxecto que, de momento, non existe”.

Tras a xuntanza co director xeral, Andrés García Cardeso asegura que, no caso de que o expediente se chegue a tramitar, dende a Xunta trasladarase información ao concello, para que os veciños poidan coñecer os pormenores do proxecto. “Neste momento non hai nada de nada. Dende o PSdeG están xerando confusión, intranquilidade e falsas alarmas entre os veciños, e difundido mentiras”, asegura o alcalde, quen se ofrece á veciñanza a tramitar unha reunión coa Xunta para que os veciños poidan recibir información de primeira man.