20190213 Cartel Filloa A Baña 2019 940ver

O Concello da Baña e a Asociación de Filloas da Pedra da Baña, en colaboración co GDR Terras de Compostela, organizan este venres un evento para promocionar a gastronomía tradicional galega e os sabores do territorio, no que se darán cita catro asociación de exaltación da festa da filloa procedentes de Lestedo, Zas, Muimenta (Cospeito) e da Baña. 

No acto, dirixido a xornalistas, blogueiros e críticos gastronómicos, poderase ver as diferentes formas de elaborar as filloas que teñen estas localidades e os diferentes utensilios que utilizan para a súa elaboración. Así, poderanse ver as típicas pedras cadradas que usan na Baña ou as redondas de Zas, os filloeiros de Lestedo ou as pranchas de ferro que usan en Muimenta. 

Nesta iniciativa, na que colabora o GDR Terras de Compostela a través da submedida 19.4 de promoción territorial, tamén se destacará a importancia que tivo o labor da muller rural no mantemento e legado de tradicións e costumes.

Para completar a exaltación da gastronomía tradicional galega, os alumnos que asisten ao curso de cociña que promove o Concello da Baña, aportarán pratos típicos como orellas, callos ou cocido, entre outros.

XVI Festa da Filloa da Pedra da Baña

Durante o acto, presentarase a XVI Festa da Filloa da Pedra da Baña, que este ano se vai celebrar a fin de semana do 23 e 24 de febreiro, ampliando a dous días o programa de actos, que se desenvolverán no polideportivo municipal de San Vicenzo. 

Por primeira vez dende a súa creación, a Festa da Filloa da Pedra da Baña incluirá una Foliada Filloeirao sábado pola tarde. A partir das 16.30 horas actuarán As Xoubase os Viracunchosdo Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia, de Santiago;  a agrupación  Tíralle do Airee integrantes da  Escola de Gaita da Baña. A organización promete algunha que outra sorpresa para este día. Ademais de gozar da boa música, os asistentes poderán ver xa en vivo e en directo as filloeiras e filloeiros da Baña elaborar filloas da pedra que se servirán ao día seguinte

O domingo 24 será o día grande da XVI Festa da Filloa da Pedra no polideportivo de San Vicenzo, que abrirá ao público a partir das 10.00 horas. Durante todo o día os asistentes poderán degustar as excelentes filloas da pedra que elaborarán as voluntarias e voluntarios da Asociación Filloas da Pedra e que se servirán soas, con chourizo, nata ou mel, coma todos os anos. A novidade desta edición é que as filloas serviranse tamén acompañadas da súa parella perfecta: o cocido.

Os Campantes da Baña e a agrupación Sarillo de Aiazo serán os encargados de poñer a música pola mañá, con actuación ás 12.30 e 14.30 horas, respectivamente. Os máis pequenos terán un espectáculo dedicado para eles as 16.30 horas cos Animacreques, e a partir das seis da tarde a Orquestra Charlestong Big Band animarán a verbena.

O Estudo obradoiro de cerámica Alén das Olas impartirá talleres de cerámica durante todo o día, e para repoñer forzas os asistentes, ademais de degustar as ricas filloas da pedra da Baña, os asistentes poderán achegarse ata os postos de polbo e churrasco que se instalan nas inmediacións do polideportivo municipal.