20190309 Entroido Medios 2

 

O Concello da Baña celebrou este sábado, 9 de marzo de 2019, o desfile de carrozas e comparsas de Entroido, no que resultou gañadora ‘As carolinas van de romaría’ en ambas categorías. En categoría individual, o premio aos mellores disfraces foi para ‘Globo aerostático’ e ‘Pulpo á feira’, en infantil e adulto, respectivamente. Contra todo prognóstico a choiva deu unha tregua e respetou o desfile no que a participación foi un éxito total. Mellorando cifras de anos anteriores, a categoría de infantil contou con 3 parellas e 4 individuais e a adulta con 3. Tamén houbo 11 comparsas e un total de 6 carrozas. En total, repartíronse máis de 700 euros que conseguiron levar para á casa os gañadores de cada categoría.

A parella que inaugurou o desfile foron os ‘Transformers’. Estes dous cativos superaron a súa timidez e abriron o paso todo un ‘Ciclista profesional’, que mostrou as súas habilidades sobre a bicicleta. ‘Brancaneves e o Príncipe’ interpretaron á perfección os seus papeis e a ‘Cantajuegos’ conseguiu animar ao público. O ‘Globo Aerostático’ e as ‘Minnies’ non tiveron ningún obstáculo durante o seu paseo gracias á pequena ‘Operaria de Estradas’.

Os máis maiores ensinaron o seu gran sentido de humor ao aparecer disfrazados de ‘Curita Cañón’, ‘Arale con Batman’ e ‘Pulpo á feira’. Chegados a este punto o nivel era difícil de superar pero as carrozas e comparsas deixaron aos presentes coa boca aberta. Nas categorías grupais apareceron personaxes tan famosas coma ‘A loca dos gatos’, ‘Baby Shark’ ‘Como adestrar ao teu dragón’, ‘Os Trolls’ e a ‘A saia da Carolina’. O toque reivindicativo puxérono ‘A reunión mundial de sogras’ e os integrantes de ‘Barcala en Forma’. A creatividade encheu o Concello da Baña un ano máis gracias á ‘Aula das Xirafiñas’, ‘O pequeno astronauta’ e ‘A onde van as bolboretas’.

Despois do animado desfile tocou ir comer o chocolate con churros ao polideportivo municipal, no que a cativada tivo ademais colchóns inchables nas que pasar un bo rato. O Entroido 2019 da Baña foi un éxito total gracias á gran participación da veciñanza.

Gañadores

Comparsas: ‘As carolinas van de romaría’, ‘Reunión mundial de Sojras’, ‘Alacráns dourados’ e ‘A aula das xirafiñas’.

Carrozas: ‘As carolinas van de romaría’, ‘A Baña sharks’, ‘Barcala en forma’ e ‘Aula das xirafiñas’.

Individual: ‘Globo aerostático’ (infantil) e ‘Pulpo á feira’ (adulto).

Album de fotos no Facebook do Concello da Baña (preme aquí).