Borxa Colmenero, avogado e membro da asesoría xurídica da Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga), participou nunha charla informativa na Baña o 7 de abril para falar da implantación dos parques eólicos no municipio e dar a coñecer os dereitos que ten a veciñanza e como pode presentar alegaciones para defender os seus dereitos.

A charla estivo organizada polo Concello da Baña en colaboración coa Asociación de Veciños O Outeiro de San Mamede de Monte.

A charla íntegra pode verse no vídeo que encabeza esta nova e na canle de Youtube do Concello da Baña, neste enlace (preme aquí)

  • Este plan marco, que foi aprobado por unanimidade, conta con 10 áreas e tres liñas mestras de actuación

  • Todos os grupos votaron a favor de modificar o POS 2022 e dos logotipos dixitais do concello

 

O Plan de voluntariado da Baña foi aprobado onte polos tres grupos políticos representados na Corporación, nun pleno no que a unanimidade foi a tónica nos tres puntos sometidos a debate. Todos os concelleiros e concelleiras votaron a favor de facer unha pequena modificación no POS 2022 referente a plataforma de numeración do municipio e para aprobar os logotipos dixitais do Concello. As discrepancias entre goberno e oposición chegaron no apartado de rogos e preguntas. A partir de agora, as sesións ordinarias pasan a ser bimensuais, os últimos mércores dos meses impares.

O tenente de alcalde, César Ramos, explicou que o Plan de voluntariado é un documento base distribuído en tres liñas estratéxicas e dez áreas de actuación para regular o servizo de voluntariado en diferentes temáticas. A preguntas da concelleira socialista Mónica González, Ramos explicou que se vai incluír tamén ao voluntariado xuvenil e abrirse as asociacións ou entidades do municipio que o soliciten. En función do número de persoas que se inscriban poderase habilitar un espazo físico en dependencias municipais. O plan de formación farase de acordo coa Secretaría Xeral de Xuventude da Xunta. O plan foi aprobado por unanimidade.

Tamén por unanimidade aprobáronse os logotipos dixitais do Concello e das diferentes concellarías. Co mesmo resultado saíu adiante a modificación puntual do POS 2022, para atender a unha petición da Deputación da Coruña relativa a plataforma de numeración municipal que incluíra o Concello no Plan de Obras e Servizos.

Antes do capítulo de rogos e preguntas, o alcalde informou que nos vindeiros días, unha vez que se regularice a situación tras a folga de transporte, vaise trasladar ata A Coruña o material doado pola veciñanza da Baña para axudar ao pobo de Ucraína afectado pola guerra. Andrés García Cardeso agradeceu a colaboración dos veciños e veciñas da Baña nesta campaña.

O pasado desfile de Entroido foi un dos temas máis polémicos tratados nos rogos e preguntas. Dende o PSdeG, José Antonio Pereira pediu a dimisión da concelleira de Cultura, Lorena Trillo, e cualificou de “acto de censura” que non se lles permita aos Carnavaleiros da Baña cantar as súas coplas, “como levan facendo dende hai vinte anos” porque facían unha parodia da moción presentada por PP e Compromiso contra o goberno socialista da Baña. 

Dende o equipo de goberno, o alcalde, Andrés García Cardeso, considerou unha “mentira maiúscula” as apreciacións do voceiro socialista, e recordou que tanto dende a organización como a propia condutora do desfile lle ofreceu o micrófono e a megafonía do Concello para que os Carnavaleiros da Baña puideran completar a súa actuación. César Ramos e Lorena Trillo, pola súa banda, incidiron na mesma apreciación. “Ninguén censurou nada”, aseguraron, e reiteraron que á comparsa da Baña falloulle a megafonía que tiñan instalada no camión e ofrecéuselle a da organización. “Eu mesma me puxen en contacto con eles para pedirlles desculpas e lles ofrecín participar na Festa da filloa, algo que rexeitaron”, engadiu a concelleira de Cultura.

Os problemas co transporte escolar, as invitacións e os gastos da Festa da filloa da pedra foron outros dos asuntos formulados polo grupo socialista nos rogos e preguntas.

20220330 Pleno Bana ALF6080

 

A lectura dun manifesto este 8M ao mediodía na praza do Concello, unha homenaxe o vindeiro domingo 13 de marzo ás protagonistas da serie audiovisual A Baña en feminino. Visibilizando a muller do rural, e a proxección dunha curtametraxe serán os actos cos que o Concello da Baña conmemore este ano o Día da Muller.

Á tradicional lectura do manifesto que cada ano se fai o día 8 de marzo, A Baña engade unha serie de actividades que se desenvolverán o domingo 13 de marzo pola mañá. Neste día, as escolas vellas acollerán unha homenaxe ás doce protagonistas da serie audiovisual A Baña en feminino, vídeos que a razón dun por mes divulgou o Concello ao longo de todo o ano 2021 coa intención de convidar á reflexión sobre o papel das mulleres nas contornas rurais.

Os actos comezarán ás 11 horas coa proxección de As tres caídas de María Santiso, curtametraxe que gañou o Premio do Público na 41 Semana do cine de Lugo e que se achega á sociedade rural galega coa intención de estimular o pensamento crítico sobre os roles tradicionais das mulleres e dos homes. Tras a película, haberá unha mesa redonda co director e coas protagonistas do filme.

Para os actos do domingo 13 de marzo quedan unha ducia de prazas libres para público, polo que as persoas que queiran asistir deberán anotarse no Concello (981 886 501) antes deste venres 11 de marzo, ás 14.00 horas.

20220308 8M ABanha

A concelleira Lorena Trillo leu hoxe o manifesto institucional do Concello da Baña polo 8M Día Internacional da Muller, nun acto celebrado ao mediodía na Praza do Concello ao que asistiron membros da Corporación local e veciñas e veciños do municipio.

 

MANIFESTO INSTITUCIONAL 8 DE MARZO DE 2022

 

O 8 de marzo é una data destacada no calendario internacional para recordar que a desigualdade de xénero aínda é una realidade en todo o mundo e que se ben foron moitos os logros alcanzados, quedan moitas inxustizas por superar.

O Día Internacional da Muller conmemora a loita das mulleres por alcanzar a igualdade en sociedade e, polo tanto, é unha xornada de reivindicación e loita contra a desigualdade entre homes e mulleres e representa unha homenaxe ás mulleres que impulsaron estes ideais.

Reivindicamos polo tanto a participación das mulleres e a adopción de decisións de forma plena e efectiva na vida pública, así como a eliminación da violencia para lograr unha igualdade plena e o empoderamento de todas as nenas e mulleres.

No día de hoxe é necesario reflexionar sobre os logros alcanzados nos últimos anos en materia de igualdade, que a pesar de ser moitos, son insuficientes, polo que é preciso planificar os retos pendentes para erradicar todas as formas de discriminación contra nenas e mulleres que persisten aínda hoxe na sociedade.

Hoxe tamén é o día de poñer de manifesto que foron 43 as mulleres vítimas de violencia de xénero no ano 2021 e 6 menores como vítimas da violencia vicaria. O noso sentido recordo e homenaxe a todas elas e ás súas familias, así como a máis firme condena.

Queremos xa que logo, parar de contar asasinadas, violadas, agredidas, discriminadas e excluídas; porque loitamos contra a explotación dos nosos corpos e vidas. Porque demandamos unha educación pública de calidade, non sexista, na que o feminismo estea presente nos currículos e materias; porque queremos que se erradique a fenda salarial, a precariedade e o teito de cristal, a divisón de traballo por xéneo ou a feminización do traballo.

Dende o municipalismo, como coñecedores das necesidades reais da cidadanía e conscientes da potencialidade da igualdade efectiva entre homes e mulleres, queremos que este día 8 de marzo sirva para mobilizar as mulleres e impulsar o empoderamento das mulleres, isto é: MAIS MULLERES Á FRONTE DA TOMA DE DECISIÓNS MUNICIPAIS.

20220302 Concentracion na Banha contra a guerra en Ucraina FB

Membros da Corporación da Baña e veciñanza xuntáronse hoxe na Praza do Concello para rexeitar a agresión da Federación Rusa a Ucraína.

A concelleira Lorena Trillo deu lectura á declaración institucional da FEMP para "condenar enérxica e rotundamente os ataques perpetrados en diversas cidades ucraínas, así como o despregue militar desencadeado polo goberno ruso e todas as consecuencias derivadas".

Na concentración pacífica, celebrada hoxe ás 12.30 do mediodía, gardouse un minuto de silencio polas vítimas.

Enlace á declaración institucional da FEMP.