O noso club de lectura pasa a chamarse Club de Lectura Barcala en Galego con motivo de que o Concello da Baña e o de Negreira asinaron un convenio de colaboración para compartir o Servizo de Normalización Lingüística. Por isto, invitamos, hoxe máis que nunca, a todas as persoas da contorna a que participen no noso club.

Como todos os meses, as persoas participantes no Club de Lectura Barcala en Galego compartiremos as nosas opinións sobre o libro As rapazas de Xan de Manuel Iglesias Turnes o próximo 2 de abril de 2013, en horario de 16.00 a 17.00 h, na casa de cultura e escolleremos a/s lectura/s para o próximo mes.

Esta escolla vén un pouco determinada porque o autor do libro é oriúndo de Cabanas do Concello da Baña e está moi vinculado á comarca Barcala.

Autor: Manuel Iglesias Turnes
Título: As rapazas de Xan
Data de lectura:

Febreiro de 2013

Comentarios:

“De malla a malla desenvólvese a historia de amor protagonizada por Carmela e Manuel durante os difíciles anos da posguerra en Cabanelas. Mais tamén é esta unha emocionante novela coral na que se describe o complexo tecido de relacións que compoñen a vida dunha aldea marcada pola pobreza e a miseria, pola forte presenza da Igrexa que exerce unha notable influencia na vida cotiá e pola ausencia de futuro na propia terra, cando a saída máis favorable para os seus habitantes máis novos é a emigración a Montevideo.”

(Edicións Xerais de Galicia)

“Este libro é a memoria fiel, escrita por unha testemuña presencial, da vida interior dunha aldea de Galicia nos anos cincuenta do século XX.”

Pablo Vaamonde García

“Este libro ben daría para facer un filme que recrease ese mundo rural desaparecido con brillo e amenidade, pois sobre todo é literatura popular con vocación de entreter e divertir, un melodrama cheo de graza e desgrazas da xente nosa.”

Suso de Toro

Ademais, no noso club imos ler nas próximas sesións poemas do libro Cantares Gallegos de Rosalía de Castro con motivo de celebrar o 150 aniversario da súa publicación.

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar poden achegarse pola casa de cultura na data citada ou enviar os seus comentarios a través do blog do Servizo de Normalización Lingüística (snl.concellodabana.es) ao que poden tamén acceder a través da páxina web do Concello da Baña (www.concellodabana.es).