PassCovid

A comisión municipal de seguimento da covid-19 do Concello da Baña recoméndalle á veciñanza utilizar a aplicación Pass Covid coa que, dende o pasado sábado, a Xunta de Galicia ofrece información actualizada da situación da pandemia na comunidade. A través desta app, a Xunta comunicará as alertas, avisos e recomendacións que as autoridades sanitarias emitan sobre a evolución da covid-19. 

Pass Covid está dispoñible xa para dispositivos IOS (preme aquí para descargala) e proximamente tamén en Google Play. Pódese obter máis información sobre este aplicación na web da Xunta de Galicia (preme aquí)

Na páxina web onde a Xunta ofrece os datos sobre o coronavirus pódese consultar o mapa de incidencia da pandemia por concellos. Podes consultar este mapa e outros datos neste enlace (preme aquí).

Segundo os datos que constan no concello, no municipio de Baña había nestes momentos 6 casos positivos de covid-19.

  • O goberno local fai un chamamento á cidadanía para erradicar o abandono

  • Cinco cans agardan ser adoptados na actualidade nas instalacións de XEA (Xestión Ética do Abandono)

 

20201016 Xea cans adopcion

 

O Concello da Baña gastou entre o 31 de xullo de 2019 e o 30 de setembro de 2020 14.870€ na recollida, coidado, estancia e manutención de animais de compañía abandonados, na súa maior parte cans. Segundo a información que proporciona a empresa XEA (Xestión Ética do Abandono), encargada deste servizo, desde abril do 2018 pasaron polas súas instalacións 21 animais recollidos no municipio. Deles, permanecen á espera de adopción cinco cans e unha camada de gatos, mentres que quince xa abandonaron o centro.

A Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, en vigor desde 2018, obriga a tratar o abandono de xeito ético e responsable, acollendo os animais abandonados, coidándoos e buscándolles un novo fogar. A responsabilidade do funcionamento deste servizo é municipal desde a aprobación desta norma. Os animais recollidos na Baña permanecen nas instalacións de XEA recibindo uns coidados e unha alimentación adecuada, ademais dos tratamentos necesarios nuns exemplares que en moitas ocasións chegan en mal estado de saúde.

O Concello fai un chamamento á responsabilidade da cidadanía. É misión de todos e todas erradicar o abandono de animais de compañía, que non só é un comportamento cruel, reprobable e ilegal, senón que xera un importante custe que deben afrontar as arcas municipais. 

O consistorio anima tamén á adopción dos exemplares que actualmente buscan fogar. Manchas, Nito, Rocky, Philip e Fusko están agardando por unha nova familia que os atenda. Para coñecer os animais e saber máis do proceso, poden poñerse en contacto con XEA a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

A continuación reprodúcese o informe emitido por XEA para o Concello da Baña con data 28 de setembro.

20201016 Informe Baña XEA

O Pleno da Corporación da Baña celebrado o pasado 30 de setembro aprobou por unanimidade modificar a comisión municipal de seguimento da covid-19, que pasará a estar integrada por un representante de cada grupo político presente na Corporación, e polos representantes das entidades e colectivos veciñais que estean interesados.

Dende o Concello pídeselle aos colectivos e entidades legalmente constituídos no municipio que, se desexan formar parte desta comisión de seguimento, se poñan en contacto coas oficinas municipais para facilitar o nome e datos de contacto do seu representante municipal. Deberán chamar ao teléfono 981 886 501.

A comisión de seguimento da covid-19 na Baña reunirase o vindeiro mércores, día 14, para modificar a súa composición e integrar aos representantes políticos e veciñais que o soliciten.

Recomendacions COVID 19

 

O Concello da Baña modificou onte a composición da comisión municipal de seguimento da covid-19, que vai estar formada polo alcalde, un representante de cada grupo político da Corporación (PSdeG, PP e CxG), pola secretaria municipal e por un representante do BNG. Aínda que a comisión se abriu á participación de entidades e colectivos do municipio, tan só o BNG amosou interese en formar parte da mesma.

A comisión de seguimento reunirase semanalmente para analizar os datos e a evolución da covid-19, e para tomar as medidas que se consideren oportunas.

Segundo os datos que constan no concello, no municipio de Baña había nestes momento 7 casos positivos de covid-19.

    • As dúas mocións presentadas por Compromiso por Galicia foron aprobadas por unanimidade

    • Representantes de PSdeG, PP e CxG reuniranse periodicamente para analizar o seguimento da pandemia e adoptar decisións consensuadas

    • 22 de xaneiro e 9 de setembro, festivos locais para 2021

 

O Concello da Baña vai modificar a comisión de seguimento da covid-19 que pasará a estar constituída pola secretaria municipal e un representante de cada grupo político presente na Corporación, que proporá por consenso a adopción das medidas que considere necesarias e o traslado de información sistemática de xeito regular. A proposta presentada por Compromiso por Galicia foi aprobada por unanimidade, despois de que dende secretaría se aclarase que este órgano non é resolutivo e só pode facer propostas. A compra de máscaras para o alumnado do municipio que pediu CxG tamén foi aprobada por unanimidade, así como os días festivos para o 2021, que serán o 22 de xaneiro (San Vicente) e o 9 de setembro (Virxe das Dores), como vén sendo tradicional.

A nova comisión de seguimento da covid-19 constituirase a vindeira semana, momento no que se fixará a periodicidade das reunións. Inicialmente, tanto CxG como PP propoñen reunións semanais deste órgano consultivo, que quedou aberto a participación de representantes veciñais. Esta comisión viría a substituír á constituída ao inicio da pandemia, da que forman parte o alcalde a concelleira de Servizos Sociais e a secretaria.

César Ramos foi moi crítico co funcionamento desta comisión, que, dixo “facilita información parcial”. Por iso dende CxG propuxeron unha comisión paritaria entre os tres grupos políticos, que poida establecer medidas para evitar a propagación do coronavirus e facilitar información sistemática e imparcial. O PP tamén considera necesaria esta comisión para propoñer medidas por consenso. A secretaria municipal aclarou que este órgano non é resolutivo e que só podería propoñer actuacións.

Para axudarlles ás familias a sufragar os gastos extraordinarios que neste comezo de curso representa a compra de máscaras e xel, Compromiso por Galicia solicitou que o Concello merque máscaras para facilitarlle ao alumnado empadroado no concello. A proposta foi aprobada por unanimidade, e farase extensiva a todo o alumnado dos centros educativos da Baña, estean empadroados ou non, como solicitou o alcalde. Mercaranse máscaras reutilizables para entregarlle un mínimo de dúas a cada neno ou nena.

Tamén por unanimidade aprobouse a iniciativa de CxG para reclamarlle ao Goberno central que se aplique un IVA reducido do 4% á compra de máscaras e xel hidroalcohólico (actualmente é do 21%) como ocorre en outros países. Tamén se lle solicitará á Xunta de Galicia que asuma a desinfección dos parques infantís.

Dende o Partido Popular amosaron a súa satisfacción porque o IDAE aceptara as alegacións do Concello e manteña a subvención de 394.546,96 euros para substituír 2.281 luminarias do alumeado público do municipio (das 2.327 puntos existentes) por lámpadas.

Andrés García Cardeso (PP) preguntou por que non se modificou a ordenanza de taxa do PAI para establecer matrícula gratuíta para o segundo fillo, como anunciara a Xunta. A concelleira de Servizos Sociais, Mónica González, respondeu que ata estes últimos días, dende a Consellería de Política Social non aclararon como había que tramitar esa gratuidade. “A Xunta acaba de indicar que asumirá esa matrícula con cargo ao convenio e pediunos documentación, que estamos a preparar para remitirlle o antes posible. Ata o de agora, todos os concellos con puntos municipais de atención á infancia non tiñamos amparo legal para esa matrícula gratuíta”, explicou.

O vídeo íntegro do pleno pódese ver na canle de Youtube do Concello da Baña (neste enlace)

Nota: Fragmento de vídeo cedido por CxG dende 1:48:17 a 1:54:22

Pleno Baña web