• O Concello debe achegar 100.000 euros ao medio millón concedido polo IDAE para poñer lámpadas LED no municipio
  • Os outros 25.000 euros do crédito extraordinario son para pagar suplementos de obras
  • Aprobado un suplemento de crédito de 255.000 euros para partidas de servizos sociais, educación, festas e deportes
  • Aprobada definitivamente a conta xeral de 2018 cun remanente positivo de Tesourería de 803.950 euros

 

O Concello da Baña aprobou hoxe definitivamente en Pleno extraordinario a conta xeral de 2018, que lle será remitida ao Tribunal de Contas e ao Consello de Contas dentro do prazo legalmente establecido. Tamén aprobou un total de 380.000 euros para un suplemento de crédito e un crédito extraordinario que se destinarán para pagar a diferentes provedores e para afrontar a parte que lle corresponde ao Concello como achega ao medio millón de euros concedido polo IDAE para substituír a iluminación pública en todo o municipio.

A conta xeral de 2018 foi aprobada por unanimidade de forma definitiva. Cun remanente positivo de Tesourería de 803.950 euros, o documento será remitido ao Tribunal e ao Consello de Contas antes do 15 de outubro, prazo establecido para que o Concello poida optar a subvencións o vindeiro ano.

Tamén por unanimidade aprobouse un crédito extraordinario de 125.000 euros. Desta cantidade, 100.000 euros destinaranse a pagar a parte que lle corresponde ao Concello para executar a subvención de medio millón de euros concedido polo IDAE (do Ministerio para a Transición Enerxética) coa finalidade de mellorar a iluminación pública no municipio con lámpadas LED. Estas obras teñen que estar contratadas antes do mes de febreiro. Cos 25.000 euros restantes o Concello pagará os incrementos dos orzamentos para executar obras en Vilar da Torre e Vilar de Suso, no camiño do Outeiro, en Marcelle, nunha pavimentación no Seilán e na humanización da rúa Castiñeira.

Cos votos a favor do equipo de goberno (PSOE) e do PP, e a abstención de Compromiso por Galicia, aprobouse un suplemento de crédito de 255.000 euros que se destinarán a pagar facturas de provedores dos departamentos de servizos sociais, educación, festas e promoción do deporte.

Desta partida, 140.000 euros destinaranse a incrementar o orzamento de asistencia social primaria, para pagar servizos de dependencia, comedor, ou de libre concorrencia, ao considerar insuficientes os 70.000 euros asignados no orzamento municipal (o Concello traballa cuns presupostos prorrogados de 2017).

Outros 58.000 euros vanse destinar a pagar as facturas de transporte do alumnado da Baña ata o IES Terra de Xallas de Santa Comba dos anos 2017 e 2018. Para pagar facturas das festas dos maiores dos anos 2016 e 2017 destinaranse 27.000 euros, e outros 30.000 para actividades de promoción e fomento do deporte.

20191009 Plenp extraordinarioCésar Ramos resaltou a importancia deste suplemento de crédito, pero non a súa urxencia  para abordalo nun Pleno extraordinario. Como a súa petición de deixalo para un Pleno ordinario non foi atendida, optou por absterse.

Andrés García Cardeso asegurou que era coñecedor desas partidas, e indicou que no caso de servizos sociais “cada vez hai máis demanda” polo que se incrementaron os gastos. Tamén recoñeceu que estaba sen pagar o transporte do alumnado de bacharelato e ciclos formativos do curso 2017 e 2018, e pediu que a empresa que realiza o transporte presente as facturas trimestralmente. Sinalou, así mesmo, que as facturas das festas dos maiores de 2016 e 2017 estaban sen pagar porque a empresa “non presentou as facturas no tempo e na forma debido a problemas familiares”.

“Somos responsables desas facturas”, indicou o ex alcalde e actual voceiro do Partido Popular, que votou a favor deste punto.

O alcalde, José Antonio Pereira, indicou que cando o Partido Socialista chegou á Alcaldía asumiu esas facturas e que por iso se presentaba este suplemento de crédito, para contar con fondos suficientes para pagarlles aos provedores.