imprimir
Categoría: novas
Visitas: 920

O Pleno da Corporación da Baña aprobou onte por unanimidade solicitarlle a UNICEF o recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia, unha iniciativa que ten como obxectivo xeral promover a aplicación da Convención dos Dereitos do Neno, ratificada por España en 1990. Na sesión, o PP pediu a reprobación do equipo de goberno e CxG criticou o uso partidista da concentración diante do centro de saúde para reclamar atención pediátrica, ao que o alcalde replicou que fora un acto aberto convocado polo Concello. José Antonio Pereira cualificou como grave que o anterior goberno non tomase medidas para solucionar a concentración excesiva de gas radon en dous despachos da casa consistorial como indicaba un informe de setembro de 2018 “que nin sequera estaba no Concello e tivemos que pedir esta mañá” (vídeo íntegro da sesión neste enlace).

A concelleira de Cultura, Mónica González, explicou que A Baña quere adherirse á iniciativa Cidades Amigas da Infancia, que promove UNICEF, para desenvolver políticas destinadas a traballar coa infancia dende distintos ámbitos e poder escoitar as inquedanzas dos nenos e nenas da Baña para mellorar o concello. A proposta foi aprobada por unanimidade dos tres grupos, ao igual que a designación do alcalde e do concelleiro popular Manuel Landeira para formar parte da mesa de contratación do proxecto do IDAE para a instalación de luminarias led no municipio, na que tamén deberán estar presentes catro traballadores municipais.

Antes de iniciar o apartado de rogos e preguntas, o alcalde, José Antonio Pereira, informou que en dous despachos da planta baixa da casa consistorial detectáronse xa en setembro de 2018 concentracións de gas radon superiores ás aconsellables. “A empresa de prevención de riscos laborais nos pediu o informe, que tivemos que pedir á empresa que fixera as medicións. Non tiñamos nin idea deste informe”, explicou Pereira Gil, quen cualificou o feito como “grave, porque dúas traballadoras levan un ano nesas dependencias descoñecendo a situación”.

A empresa que fixo as medicións recomenda instalar un sistema de ventilación e airear as dependencias. Este informe, de data 21-9-2018, era o segundo que se fixo. Segundo indicou o portavoz do PP e anterior alcalde, e tamén o portavoz de Compromiso por Galicia, o informe das primeiras medicións realizadas non deu cifras esaxeradas, pero aconsellaba facer unha segunda medición. Andrés García Cardeso dixo que no primeiro informe da empresa especializada non recomendaba medidas, e que despois entregou un pen drive. José Antonio Pereira criticou que o anterior goberno non mirase este informe dende setembro de 2018, e adiantou que van estudar como por en marcha as medidas que recomenda a empresa.

“Todo isto coñecémolo porque hoxe a empresa de prevención de riscos laborais nos pediu este informe, que non atopamos no Concello e lle tivemos que pedir a empresa que fixo as medicións”, indicou Mónica González. César Ramos, de CxG, pediu que se tomen as medidas que aconsellan os expertos e que se informe á veciñanza que se pode facer para evitar altas concentracións de radon, un gas radioactivo de orixe natural que adoita atoparse no interior de vivendas de pedra. “Segundo o mapa que elaborou a Xunta, a nosa comarca é unha das que ten maiores concentracións de radon”, dixo César Ramos

Reprobación pola concentración no centro de saúde

Tanto o PP como Compromiso por Galicia criticaron con dureza a “utilización partidista” por parte do equipo de goberno da concentración celebrada o pasado día 16 diante do centro de saúde para reclamar atención pediátrica na Baña.

Andrés García Cardeso reprobou o comportamento do equipo de goberno por confundir “a administración local cunha concentración partidista”, xa que na mesma estiveron representantes do Partido Socialista da comarca de Santiago. “Hai que desligar a acción do concello da do partido”, dixo o portavoz do PP.

No mesmo senso se manifestou César Ramos. “Non se poden politizar as reivindicacións por unha sanidade pública na Baña”, dixo o portavoz de CxG, que volveu esixir “neutralidade” no uso da web e das redes sociais municipais, criticando que na información do acto se mencionaran aos representantes do PSdeG dos diferentes municipios que acudiron á Baña.

O alcalde, José Antonio Pereira, replicoulles aos dous sinalando que a concentración fora convocada polo Concello e “era un acto aberto para defender aos veciños da Baña. Viñeron alcaldes socialistas, deputados provinciais e autonómicos, e grazas a esa presenza tivemos moita repercusión nos medios de comunicación”, indicou. O alcalde criticou que dende o Sergas non se respondera ás cartas enviadas polo Concello, e indicou que agora “tamén nos recortan o horario da matrona”.

Preguntado polo PP cando se vai cumprir a sentencia xudicial e pagarlle os atrasos aos traballadores, o alcalde respondeu que están á espera de coñecer en canto cuantifican os avogados do persoal estes atrasos para chegar a un acordo. “Levamos dende 2015 pendentes de pagar os atrasos. En canto saibamos canto reclaman e cheguemos a un acordo teremos que pedir un crédito de algo máis de 300.000 euros para resolver esta situación”, dixo José Antonio Pereira, que esta semana se reunirá cos avogados. “Hai vontade de solucionar o problema, de feito as nóminas xa están regularizadas”.

Entre outros temas, Compromiso por Galicia pediu que non se politizara a Festa da Filloa da Pedra, que se vai celebrar o día 15, e volveulle reclamar información ao equipo de goberno sobre os actos que se vaian organizar esa fin de semana.

O contido íntegro da sesión pódese ver no vídeo que se atopa no canal de Youtube do Concello, neste enlace