O equipo de goberno do Concello da Baña ten a intención de aprobar á maior brevidade posible unha ordenanza de ruídos coa fin de protexer tanto ás persoas como aos bens dos danos ocasionados polas agresións acústicas dentro dos límites do municipio para salvagardar a saúde e a calidade de vida da veciñanza, ademais de preservar o medio ambiente.

A noma mormativa implicará que o Concello levará a cabo as accións que estime pertinentes para facer cumprir a ordenanza, mandará facer as inspeccións que sexan precisas, esixirá a adopción das medidas preventivas necesarias así como as correctoras no caso de incumprimento e aplicará as sancións que se determinen.

Pensando na redacción desta ordenanza e co desexo do equipo de goberno de facilitar a participación cidadá, as persoas e organizacións potencialmente susceptibles de ser afectadas pola pola futura norma poderán aportar por escrito as súas suxestións e opinións a través da sede electrónica do Concello da Baña. As aportacións realizaranse picando nesta ligazón ao formulario de achega de documentación complementaria co seguinte código de expediente: 2023/G013/000002.

No documento adxunto poderá descargarse o anuncio municipal do procedemento de participación pública previa á aprobación da ordenanza municipal.

  • Durante este período atenderase só con cita previa os días 28 de xullo, 1 e 8 de agosto, chamando ao teléfono 981 886 501 

A Oficina de Urbanismo permanecerá pechada ao público por vacacións dende hoxe, xoves 20 de xullo, e ata o martes 15 de agosto. O Concello da Baña informa que ao longo deste período estableceranse tres xornadas de atención ao público, pero será necesario concertar cita previa, chamando ao número de teléfono 981 886 501. A atención con cita previa realizarase os días 28 de xullo, 1 e 8 de agosto, en horario de 9.30 a 13.00 horas.

A Oficina de Urbanismo volverá abrir diariamente a partir do mércores 16 de agosto.

  • O alcalde afirma que “utilizaremos todas as armas ao noso alcance” para que non se instalen máis parques eólicos

  • As asociacións veciñais O Outeiro e A Fonte Seca piden a moratoria na tramitación de todos os proxectos ata que se adapte a lei a situación actual

  • “Deixannos sen futuro e sen auga” aseguran Carme Varela e Cándido Iglesias

  • O xoves haberá un pleno extraordinaria ás 20.00 horas

 

20220627 Bana rexeita parques eolicos Fonte Seca O Outeiro 9

O alcalde da Baña e representantes das asociacións veciñais O Outeiro, de San Mamede de Monte, e A Fonte Seca solicitáronlle  esta tarde a Xunta de Galicia que paralice a tramitación do parque eólico de Troitomil e dos demais parques que se queren implantar na comarca “ata que se adapte a lei a situación actual”. Nunha rolda de prensa ante varias ducias de veciños e veciñas, Andrés García Cardeso, Carme Varela e Cándido Iglesias pediron poñer fin “ao asedio e ao expolio eólico” que está a sufrir o municipio. “Utilizaremos todas as ferramentas que temos ao noso alcalce”, afirmou o alcalde. 

O Concello da Baña pon a disposición da veciñanza a un equipo técnico para axudarlle a presentar alegacións contra a declaración de utilidade pública do parque de Troitomil (o anuncio foi publicado no DOG o día 16). O vindeiro xoves celebrarase un pleno extraordinario no que a Corporación volverá reclamar de novo a paralización de todos os proxectos de parques eólicos. A sesión comezará ás 20.00 horas.

20220627 Bana rexeita parques eolicos Fonte Seca O Outeiro 3

Carme Varela, da Asociación Veciñal O Outeiro, asegurou que os seis parques eólicos que se están a tramitar na Baña (300 en Galicia) “deixannos sen futuro e anulan totalmente o PXOM”, e pediu unha moratoria na tramitación de todos os proxectos “ata que se modifique a lei para adaptala a situación actual. Antes os muíños tiñan 70 metros de alto, e agora 200”, asegurou.

No mesmo sentido se pronunciou o vicepresidente da Asociación A Fonte Seca, Cándido Iglesias, quen asegurou que o parque eólico de Troitomil é “a base dunha pirámide” doutros moitos parques que van ocupar case todo o territorio. “Vannos deixar sen auga”, asegurou, e pediulle ao Concello que se persone contra a tramitación destes miniparques e, incluso, que presente un contencioso.

O alcalde, Andrés García Cardeso, coincidiu cos representantes veciñais ao asegurar que se están tramitando como individuais parques eólicos que, en conxunto, conforman un gran complexo que ocupará gran parte do municipio. O alcalde leu unha carta que lle vai remitir á veciñanza e que recolle as actuacións que vai emprender o Concello. “Pedimos que se tramiten os proxectos completos, e non partilos en pequenos parques”, dixo, antes de anunciarlle a toda a veciñanza que o Concello porá a un equipo técnico ata o 1 de agosto a disposición das persoas interesadas para que poidan presentar as alegacións que estimen necesarias contra o parque eólico de Toitomil.

A continuación reproducimos íntegra a carta que lle vai enviar o alcalde á veciñanza (pactada coas dúas asociacións) e que consta de doce puntos:

20220627 Bana rexeita parques eolicos Fonte Seca O Outeiro 1

O pasado 16 de xuño de 2022, saíu publicado no Diario Oficial de Galicia e en La Voz de Galicia a información pública da declaración de utilidade pública do parque eólico de Troitomil polo que lle queremos transmitir a nosa preocupación así como o rexeitamento público e total á implantación e tramitación de todos os parques eólicos iniciados.

Por todo isto, temos previsto:

  1. Demandar formalmente a paralización do proceso de declaración de interese público do parque mentres a Consellería de Industria non dea contestacións ás anteriores alegacións e ás seguintes solicitudes presentadas e pendentes de aceptar. Pediremos tamén amparo á Valedora do Pobo.
  2. Solicitar unha reunión informativa, aberta á cidadanía, na que sexa o secretario do Concello o que nos informe dos pasos dados e do percorrido que temos por diante. É importante que sexa un técnico.
  3. Presentar unha demanda de paralización da declaración de utilidade pública pola alteración significativa sobre o PXOM, xa que de facto é unha alteración total sobre boa parte dos terreos e das construcións xa existentes.
  4. Enviar o Concello unha solicitude de alegacións ás expropiacións da rede viaria.
  5. Mandar unha solicitude de traslado á Deputación da Coruña para que faga o mesmo.
  6. Profundar na alegación contra a partición dos parques. Hai novas sentenzas e hai que insistir en que non ter en conta que esas sentenzas sentan xurisprudencia, podería xerar demandas contra o funcionariado que as asinen.
  7. Incidir en que a totalidade das infraestruturas do parque, incluídas as de evacuación da enerxía xerada, deberán estar incluídas para a súa consulta pública e avaliación global no presente documento de inicio e non noutros proxectos independentes que lle impiden á cidadanía a avaliación dos impactos ambientais globais do conxunto das infraestruturas do proxecto industrial.
  8. Solicitarlle a Medio Rural documentación que acredite todos os incendios habidos nese monte durante os últimos 35 anos.
  9. Insistir en que o Concello non ten capacidade para abastecer de auga potable a poboación afectada e, polo tanto, tratándose dun ben básico, faise inviable a declaración de utilidade pública xa que hai risco severo de que as obras afecten os mananciais, o que supón unha afección moi severa e prexuízos significativos para os recursos hídricos e a vulneración flagrante da Directiva marco da auga (DMA). 

Ademais non existe un estudo hidrolóxico e hidroxeolóxico que garanta a calidade das masas de auga superficiais e soterradas e a non afección dos acuíferos. A mercantil promotora obvia as captacións de auga para o uso humano e agrogandeiro e os mananciais e fontes que hai na poligonal do parque eólico e no traxecto da liña de evacuación.

  1. Insistir en que hai unha forte alteración social e que polo tanto se demanda a paralización desta declaración de utilidade pública.
  2. Solicitar unha reunión no Parlamento de Galicia co vicepresidente e co conselleiro de Industria, Francisco Conde para que o grupo de goberno vaia da man dos colectivos veciñais e trasladarlle a repulsa ao proxecto eólico de Troitomil.
  3. Solicitar unha reunión con Valentín Formoso, presidente da Deputación, para que presente alegacións pola estrada O Seilán-Lañas e para que lle  mostre o seu apoio ao Concello da Baña.

Co fin de colaborar coas persoas afectadas, o Concello da Baña ponse ao servizo da veciñanza, ata o 1 de agosto, para axudar a tramitar os escritos de alegacións coa finalidade de paralizar a implantación deste parque eólico de Troitomil nesta información pública e nos demais de Barrosino e Vilartoxo.

  • A Xunta financiará as obras cun investimento de preto de 360.000 euros //

  • A actuación comprende a execución de beirarrúas de polo menos dous metros de ancho nas dúas marxes da AC-444 //

  • Tamén se implantará a canalización de abastecemento e se rematará cos vertidos das vivendas cara á estrada //

 

A Baña contará na zona do Seilán cun itinerario peonil continuo de 900 metros, que transcorrerá por ámbalas dúas marxes da estrada AC-444 entre os puntos quilométricos 0+570 e 1+450. As obras, orzamentadas en preto de 360.000 euros, correrán a cargo da Xunta e teñen como obxectivo mellorar a accesibilidade e a seguridade peonil. Así llo comunicou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao alcalde da Baña, Andrés García, no encontro de traballo que mantiveron a semana pasada en San Caetano e no que tamén participou o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor.

A titular de Infraestruturas da Xunta adiantou que nos vindeiros días se iniciará a supervisión técnica do proxecto coa fin de poder sometelo a información pública o antes posibles, xa que require de expropiacións, e adiantou que a actuación comprende a renovación e ampliación das beirarrúas existentes, ademais de executar novos treitos de beirarrúa ou unha senda de formigón alí onde agora non as hai. O que se busca, sinalou, é garantir un ancho de 2 metros para favorecer a accesibilidade. 
 
A intervención inclúe tamén a implantación de canalización de abastecemento, seguindo o trazo da beirarrúa ampliada, tal e como demandou o Concello. Outra das solicitudes municipais que se comprometeu a atender a titular de Infraestruturas é a de duplicar a condución de saneamento co fin de eliminar os vertidos actuais de varias vivendas cara á estrada.
 

Ethel Vázquez puxo en valor o traballo do Goberno galego para manter en boas condicións de seguridade e de comodidade a rede viaria autonómica, con actuacións como o reforzo do firme levado a cabo recentemente nas estradas AC-406 e AC-546, que supuxeron un investimento de preto de 300.000 € só no concello da Baña.

A mellora do firme destas vías enmárcase nun contrato maior co que se actuou en tres estradas de titularidade da Xunta ao seu paso polos concellos de Tordoia, Coristanco, Santa Comba, Mazaricos, Negreira e A Baña cun investimento global que supera o 1,5 millóns de euros.
 
  • O delegado na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá co alcalde, José Andrés García Cardeso, as dúas instalacións

  • A achega forma parte da iniciativa da Xunta na súa aposta polo fermosismo

Trenor visita Bana 1

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o Concello da Baña, para reunirse co seu alcalde, José Andrés García Cardeso, e informarlle de que resultou beneficiario dunha axuda de case 40.000 euros para corrixir impactos paisaxísticos nos equipamentos e edificios públicos do municipio.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda concedeulle á Baña unha axuda de 20.000 euros a cargo da Liña 1 para actuar no centro da terceira idade coa limpeza e reparación da súa fachada para o seu posterior pintado; e outra, tamén de 20.000 euros, para mellorar no marco da Liña 2 o lavadoiro de Cabanas, un elemento de formigón armado que na actualidade presenta manchas e humidades polo que se procederá á súa limpeza e á reparación de fendas antes de pintalo.

No conxunto da comarca de Santiago, a Xunta concedeu unha destas subvencións –ou ata dúas nalgún caso– a 5 concellos: Santiso, Ordes, Boimorto, O Pino e A Baña, por un importe global de máis de 136.000 euros. 

A Consellería vén de resolver a convocatoria de 2022 da orde de axudas para avanzar na loita contra o feísmo nos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Trenor visita Bana 3

Cómpre lembrar que este programa de incentivos —convocado en xaneiro por 600.000 euros e cuxo crédito se ampliou ata os 800.000 euros esta mesma semana— recolle dúas liñas de actuacións subvencionables: a Liña 1 para intervencións coas que emendar o impacto negativo que poden causar sobre a contorna edificios e dependencias que acollen servizos municipais; e a Liña 2 pensada para mellorar outros equipamentos públicos ou elementos etnográficos —como fontes, hórreos, palcos de música e lavadoiros— propiedade dos concellos.

As actuacións subvencionables, que poderán acadar o 70% do custo estimado, deberán adaptarse ou ben aos criterios fixados na Guía de cor e materiais de Galicia, ou ben aos da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados.

Trenor visita Bana 2

O ano pasado a primeira convocatoria das ordes de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos, tanto para particulares como para concellos, saldouse con máis de medio milleiro beneficiarios que recibiron subvencións por un importe total de 2 millóns de euros e permitiron intervir en 222 municipios galegos

 En vista do éxito da primeira convocatoria, a Xunta decidiu convocar de novo este ano ambas liñas de subvención no marco da súa aposta polo fermosismo e para garantir unha integración harmónica entre as construcións urbanas, tanto públicas como privadas, e a contorna paisaxística.