ALCALDE PEREIRA GIL web horizontal02

O alcalde da Baña fai público o seguinte bando de agradecemento e recomendacións polo COVID-19

José Antonio Pereira Gil, alcalde do Concello da Baña, nestes difíciles momentos que nos toca vivir debido á pandemia xerada polo coronavirus COVID-19, agradece o esforzo, dedicación e traballo que están a facer 

  • O persoal do Servizo de Axuda no Fogar que, con plena dedicación, segue atendendo as necesidades básicas das persoas máis vulnerables do noso municipio.
  • O persoal sanitario que está a traballar no Concello da Baña e, por extensión, en toda Galicia, que coa súa implicación contribúe a salvar as vidas de moitas persoas infectadas polo COVID-19.
  • O persoal e traballadores do Concello da Baña que, día a día, están a disposición da veciñanza para axudarlle a resolver os seus problemas, a desinfectar espazos públicos, a levarlle á casa comida e medicinas a aquelas persoas que non se poden desprazar...
  • Todas as veciñas e veciños da Baña que seguen nas súas casas, cumprindo coas recomendacións das autoridades sanitarias para evitar a propagación do coronavirus.

Levamos xa un mes de confinamento nas nosas casas, dende que o pasado 14 de marzo se decretou o estado de alarma. Son momentos complicados e difíciles nos que, como sociedade, estamos a demostrar a nosa valentía para loitar contra unha pandemia descoñecida ata a actualidade en todo o mundo, e que está cobrando milleiros de vidas humanas. 

Estas semanas de confinamento serviron para corroborar que, quedando na casa, se reduce a propagación do coronavirus. Coa axuda de todos e todas poderemos superar esta situación.

Por diante quédannos, polo menos, outros 15 días de confinamento. Anímovos a respectar as recomendacións das autoridades sanitarias e a valorar a vantaxe de vivir nunha contorna rural.

  • Queda na casa e extrema as medidas de hixiene, lavando as mans con frecuencia, e respecta a distancia con outras persoas.
  • Se dende hoxe tes que incorporarte ao teu posto de traballo, cumpre coas medidas de prevención.
  • Dende o Concello da Baña estamos dispostos a axudar a cubrir as necesidades básicas de todas as persoas máis vulnerables. Se o necesitas chámanos ao 981 886 501.

Todos xuntos sairemos mellor desta crise. Moito ánimo!

A Baña, 13 de abril de 2020

O alcalde