imprimir
Categoría: Medio ambiente
Visitas: 222

O Diario Oficial de Galicia publicou o luns 27 de xaneiro unha orde de axudas da Consellería de Medio Rural destinada a realizar accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios ou desastres naturais e para incrementar a capacidade de adaptación e o valor ambiental dos montes.

Trátase de dúas liñas de axudas das que se poden beneficiar tanto propietarios particulares como sociedades de fomento forestal (Sofor), agrupacións de propietarios, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais ou comunidades de montes mancomunados. Unha das liñas de actuación busca promover prácticas como rozas, rareos e podas, co obxectivo de previr os incendios. Mentres, a segunda liña de axudas persegue incrementar o valor ecolóxico dos montes que non teñen carácter produtivo a través dos tratamentos silvícolas xa mencionados ou de plantacións puntuais de determinadas árbores.

As axudas para este exercicio están dotadas con 13 millóns de euros e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Para máis información, pode consultar a resolución publicada no DOG neste enlace.