20201013 manifesto eolicos asinadoOs alcaldes da Baña, Mazaricos, Negreira, Outes e Santa Comba solicitan que a instalación de parques eólicos nos seus municipios redunde en beneficio dos intereses da poboación do rural, principal afectada por estas infraestruturas. Nunha declaración institucional, os cinco rexedores amosan a súa preocupación e a da veciñanza pola creación de novos parques, remarcando que os habitantes destas zonas sufrirán os inconvenientes deste tipo de instalacións pero apenas notarán o beneficio económico que xeran.

Asinan a declaración José Antonio Pereira Gil, alcalde da Baña, e os seus homólogos de Mazaricos, Juan José Blanco Riveiro; de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez; de Outes, Manuel González López; e de Santa Comba, David Barbeira García. Con esta acción queren poñer de manifesto a fonda preocupación da cidadanía "polo elevado número de proxectos de parques eólicos previstos" nestes territorios. A inquietude da veciñanza, explican, vén dada polo "impacto medioambiental dos parques proxectados, varios deles nas proximidades de núcleos habitados e que ademais se veñen a sumar aos xa existentes".

Os alcaldes recordan que a lexislación establece unha distancia mínima de 500 metros con respecto aos núcleos habitados, que lles parece "escasa", máis aínda cando os parques se atopan fragmentados en diversos proxectos cando, "en realidade, amosan unha continuidade e que comparten infraestruturas polo que deberían ser considerados un único parque".

Os asinantes manifestan a súa contrariedade polo feito de que "a lexislación actual non posibilita que a poboación rural se beneficie dunha maneira xusta da presenza desta industria nos seus territorios. Ao contrario do que acontece noutros países, non existen mecanismos que compensen a asimetría existente no poder de negociación entre promotores eólicos e veciñanza, sobrevoando nas negociacións a ameaza de expropiación pola declaración de interese público por parte da propia administración". "É particularmente preocupante", proseguen, "que só os propietarios dos terreos directamente afectados reciban algún tipo de compensación, en calquera caso insuficiente, mentres que o resto de veciños que soportan os custes ambientais non teñen ningún beneficio económico directo. Nese sentido, a compensación que recibimos os concellos polo Fondo de Compensación Ambiental, derivado do canon eólico, é totalmente insuficiente". Deste xeito, "a percepción maioritaria é que as poboacións rurais estamos a soportar en exclusiva os custos ambientais da produción de enerxía eólica, mentres que os beneficios que permanecen no territorio son mínimos".

Así, os alcaldes da Baña, Mazaricos, Negreira, Outes e Santa Comba afirman que "a enerxía eólica debe ser e pode ser fomentada sen atentar contra os intereses ambientais e socioeconómicos da contorna onde se produce", posto que "só desa maneira pode pasar de ser unha ameaza a ser unha oportunidade para o noso rural". Por isto, solicitan ás instancias pertinentes, en particular ao Parlamento de Galicia, que modifique o marco normativo e, mentres, que paralice os proxectos en marcha.