• O alcalde e representantes das asociacións veciñais das parroquias afectadas reuníronse coa directora xeral

  • Entregaron unhas copias das alegacións presentadas polo Concello contra a tramitación deste parque

  • Non houbo ningún compromiso por parte da responsable de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático

20210602 Alcalde visita conselleria medio ambiente contra troitomil v02

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil, e representantes das asociacións veciñais A Fonte Seca e de San Mamede de Monte reuníronse onte na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda coa directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez Castellanos, para manifestar o rexeitamento do Concello e da veciñanza ao parque eólico de Troitomil.

José Antonio Pereira entregoulle á responsable autonómica copia das alegacións presentadas polo Concello contra a tramitación deste proxecto e, xunto cos representantes veciñais, solicitáronlle á Xunta que non autorice o parque eólico.

Por parte da Consellería, a directora xeral sinalou que se o expediente cumpre cos requisitos esixidos pola normativa vixente, a Xunta ten que darlle autorización. “Non conseguimos ningún compromiso claro por parte da Xunta, pero deixamos claro o rexeitamento tanto do Concello como da veciñanza a este proxecto, que vai prexudicar a todo o municipio”, asegura o alcalde.

Pereira Gil estivo acompañado por unha representante da Asociación de Veciños da parroquia de San Mamede de Monte e por outro representante da Asociación A Fonte Seca, constituída recentemente pola veciñanza das parroquias máis afectadas polo parque eólico de Troitomil.

As alegacións presentadas polo Concello da Baña contra este proxecto fundaméntanse, entre outros aspectos, en que a Lei de Montes prohibe o cambio de uso de monte incendiado, como é o caso, en que non se respectan os 500 metros de distancia dos muíños ás edificacións e en que o polígono ocupa unha superficie desproporcionada.