• Técnicos municipais e da Asesoría Xurídica municipal informarán aos propietarios sobre os seus dereitos e como presentar alegacións //
  • O Concello publica un bando no que anuncia tamén que poñerá un modelo de alegacións a disposición das persoas afectadas //

O Concello da Baña informa á veciñanza de que levará a cabo charlas informativas sobre o parque eólico do Barrosino o luns 10 de outubro e o martes 18 nos locais sociais de Marcelle (día 10) e do Barro (día 18). Ademais, poñerá a disposición das persoas afectadas un modelo de alegacións para que poidan presentalas de estaren interesadas.

Nun bando asinado polo alcalde, Andrés García Cardeso, o Concello reacciona a publicación no DOG do acordo da Xefatura Territorial da Coruña, datado o 29 de agosto, para someter a exposición a solicitude de declaración de utilidade pública do proxecto eólico de Barrosino, coa conseguinte necesidade de urxente ocupación e expropiación dos terreos afectados.

Técnicos municipais e da Asesoría Xurídica do Concello estarán a disposición da veciñanza na parroquia de Marcelle, o 10 de outubro, e do Barro, o 18 de outubro, para explicar o proxecto, os dereitos dos propietarios e como presentar alegacións.

O bando pódese consultar no documento adxunto. 

Attachments:
Download this file (20220929_BANDO BARROSINO ASINADO.pdf)20220929_BANDO BARROSINO ASINADO.pdf[ ]63 kB
  • O Concello informará á veciñanza sobre o proxecto e facilitará modelos de alegacións //

  • O DOG publica hoxe a listaxe de persoas e bens afectados //

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe, martes 27 de setembro, o acordo da Xunta polo que se somete a exposición a solicitude de declaración e utilidade pública do parque eólico de Barrosino, coa conseguinte necesidade de urxente ocupación dos terreos afectados e a súa expropiación forzosa. Por este motivo, o Concello da Baña anuncia que, logo de estudar o proxecto, informará a veciñanza nos próximos días e ofrecerá modelos para presentar alegacións.

O DOG publica a listaxe de persoas e bens afectados e informa que o prazo para presentar alegacións é de 30 días a contar desde este mércores 28 de setembro. O parque, promovido pola empresa Green Capital Power, afectaría exclusivamente ao Concello da Baña e contaría con 3 aeroxeneradores dunha potencia de 4,5 megawatios cada un deles.

Toda a documentación e os planos do proxecto pódense consultar na seguinte ligazón: https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-de-xeracion?content=expediente_0221.html. De xeito físico, as persoas interesadas poderán informarse tamén nas dependencias da Sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (rúa Vicente Ferrer 2 da Coruña), de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres, así como no Concello da Baña.

 

  • O programa ‘Composta! Transforma os teus residuos supón un investimento de 18.000 euros //
  • Os contedores xa se poden solicitar chamando ao 682 859 367 ou escribindo a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. //
  • Entregaranse nas charlas informativas que se desenvolverán en setembro //

Baixo o lema “Composta! Transforma os teus residuos”, o Concello da Baña investirá máis de 18.000 euros nun programa de compostaxe que repartirá entre a veciñanza un total de 130 composteiros domésticos totalmente de balde coa fin de converter en compost os restos de comida e follaxe que desbotamos no noso fogar. Nos composteiros poderanse botar restos de froitas e verduras, carne e peixe, pan, legumes, cereais, ovos, cunchas de moluscos, puos de café e infusión e panos e papel de cociña sen tinturas, ademais de follas, flores, raíces, restos das colleitas, herba, palla, restos de poda triturados, papel, cartón, cinza e serraduras de madeiras sen aditivos.

Os composteiros entregaranse durante as sesións informativas que se desenvolverán en setembro, e xa se atopa aberto prazo para facer as solicitudes. As persoas interesadas deberán chamar ao número 682 859 367 en horario de 8.00 a 14.00 horas ou mandar un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., indicando nome e apelidos, enderezo da vivenda onde se vai colocar o composteiro e un teléfono de contacto. Aínda que o programa está aberto a toda veciñanza, o Concello priorizará aos fogares que non se atopen preto da ruta de recollida do contedor marrón.

As veciñas e veciños que recollan os composteiros, recibirán tamén un manual de compostaxe e a visita de persoal técnico encargado do proxecto coa fin de supervisar o proceso e resolver dúbidas.

Por que compostar?

Concello da Baña lembra que algo máis da metade dos residuos que xeramos no fogar están compostos por restos de comida e restos vexetais de poda e horta. Toda esta materia orgánica pode ser reciclada por nós mesmos sen saír de casa e cun mínimo esforzo.

A compostaxe tradúcese en numerosos beneficios ambientais, sociais e económicos. Se o residuo non sae da casa xa non será necesario recollelo nin transportalo ata o punto de xestión, almacenalo e finalmente reciclalo. Aforramos emisións de CO2 do transporte e tratamento e o propio custo de xestionalo. Por outro lado, o produto final que obtemos é un fertilizante natural de excelente calidade con propiedades que melloran o solo e evitando a compra e uso doutros produtos químicos.

Os residuos orgánicos poden ser un grave problema medioambiental se non se xestionan correctamente. A súa descomposición sen control produce lixiviados (líquidos cunha alta concentración de materia orgánica) que contaminan solos, ríos e acuíferos e emiten gases de efecto invernadoiro como metano e dióxido de carbono.

    • Nun bando solicita evitar a rega de xardíns privados, baldear e limpar fachadas e vehículos ou encher piscinas //

 20220825 Baña consumo auga

O Concello da Baña acaba de publicar un bando solicitándolle á veciñanza que faga un uso sostible e responsable da auga debido a seca que está a padecer Galicia e o resto de España. Nun bando asinado polo alcalde en funcións, César Ramos resalta a importancia de levar a cabo medidas de aforro no consumo da auga, evitando malgasto e minimizando os usos prescindibles.

O pasado luns, día 22, Augas de Galicia comunicoulle ao Concello da Baña unha importante redución das aportacións hídricas na estación de aforos nº 520, situada no río Tambre.

Por este motivo, o Concello solicítalle á veciñanza que evite a rega de xardíns privados, limitadas ou evitar o uso de auga en piscinas privadas e evitar baldear e limpar as fachadas ou vehículos.

Unhas medidas que poden e deben complementarse con outras de carácter individual que permitan facer u uso sostible e responsable da auga, un ben esencial cada vez máis escaso. Deste xeito “entre todas e todos lograremos aforros considerables que repercutirán favorablemente na continuidade do subministro municipal de auga potable”, sinala César Ramos no bando.

O luns 9 de maio realizarase a próxima recollida de plásticos agrícolas polas granxas da Baña. 

Todas aquelas persoas interesadas en que se lles vaian recoller, deberán anotarse chamando ao Concello ao número de teléfono 981 88 65 01.

Deberán ter en conta que é preciso que os plásticos estean acumulados nun lugar da explotación ao que poida acceder o camión que se encarga da recollida.