• As dúas mocións presentadas por Compromiso por Galicia foron aprobadas por unanimidade

    • Representantes de PSdeG, PP e CxG reuniranse periodicamente para analizar o seguimento da pandemia e adoptar decisións consensuadas

    • 22 de xaneiro e 9 de setembro, festivos locais para 2021

 

O Concello da Baña vai modificar a comisión de seguimento da covid-19 que pasará a estar constituída pola secretaria municipal e un representante de cada grupo político presente na Corporación, que proporá por consenso a adopción das medidas que considere necesarias e o traslado de información sistemática de xeito regular. A proposta presentada por Compromiso por Galicia foi aprobada por unanimidade, despois de que dende secretaría se aclarase que este órgano non é resolutivo e só pode facer propostas. A compra de máscaras para o alumnado do municipio que pediu CxG tamén foi aprobada por unanimidade, así como os días festivos para o 2021, que serán o 22 de xaneiro (San Vicente) e o 9 de setembro (Virxe das Dores), como vén sendo tradicional.

A nova comisión de seguimento da covid-19 constituirase a vindeira semana, momento no que se fixará a periodicidade das reunións. Inicialmente, tanto CxG como PP propoñen reunións semanais deste órgano consultivo, que quedou aberto a participación de representantes veciñais. Esta comisión viría a substituír á constituída ao inicio da pandemia, da que forman parte o alcalde a concelleira de Servizos Sociais e a secretaria.

César Ramos foi moi crítico co funcionamento desta comisión, que, dixo “facilita información parcial”. Por iso dende CxG propuxeron unha comisión paritaria entre os tres grupos políticos, que poida establecer medidas para evitar a propagación do coronavirus e facilitar información sistemática e imparcial. O PP tamén considera necesaria esta comisión para propoñer medidas por consenso. A secretaria municipal aclarou que este órgano non é resolutivo e que só podería propoñer actuacións.

Para axudarlles ás familias a sufragar os gastos extraordinarios que neste comezo de curso representa a compra de máscaras e xel, Compromiso por Galicia solicitou que o Concello merque máscaras para facilitarlle ao alumnado empadroado no concello. A proposta foi aprobada por unanimidade, e farase extensiva a todo o alumnado dos centros educativos da Baña, estean empadroados ou non, como solicitou o alcalde. Mercaranse máscaras reutilizables para entregarlle un mínimo de dúas a cada neno ou nena.

Tamén por unanimidade aprobouse a iniciativa de CxG para reclamarlle ao Goberno central que se aplique un IVA reducido do 4% á compra de máscaras e xel hidroalcohólico (actualmente é do 21%) como ocorre en outros países. Tamén se lle solicitará á Xunta de Galicia que asuma a desinfección dos parques infantís.

Dende o Partido Popular amosaron a súa satisfacción porque o IDAE aceptara as alegacións do Concello e manteña a subvención de 394.546,96 euros para substituír 2.281 luminarias do alumeado público do municipio (das 2.327 puntos existentes) por lámpadas.

Andrés García Cardeso (PP) preguntou por que non se modificou a ordenanza de taxa do PAI para establecer matrícula gratuíta para o segundo fillo, como anunciara a Xunta. A concelleira de Servizos Sociais, Mónica González, respondeu que ata estes últimos días, dende a Consellería de Política Social non aclararon como había que tramitar esa gratuidade. “A Xunta acaba de indicar que asumirá esa matrícula con cargo ao convenio e pediunos documentación, que estamos a preparar para remitirlle o antes posible. Ata o de agora, todos os concellos con puntos municipais de atención á infancia non tiñamos amparo legal para esa matrícula gratuíta”, explicou.

O vídeo íntegro do pleno pódese ver na canle de Youtube do Concello da Baña (neste enlace)

Nota: Fragmento de vídeo cedido por CxG dende 1:48:17 a 1:54:22

Pleno Baña web