• O goberno local fai un chamamento á cidadanía para erradicar o abandono

  • Cinco cans agardan ser adoptados na actualidade nas instalacións de XEA (Xestión Ética do Abandono)

 

20201016 Xea cans adopcion

 

O Concello da Baña gastou entre o 31 de xullo de 2019 e o 30 de setembro de 2020 14.870€ na recollida, coidado, estancia e manutención de animais de compañía abandonados, na súa maior parte cans. Segundo a información que proporciona a empresa XEA (Xestión Ética do Abandono), encargada deste servizo, desde abril do 2018 pasaron polas súas instalacións 21 animais recollidos no municipio. Deles, permanecen á espera de adopción cinco cans e unha camada de gatos, mentres que quince xa abandonaron o centro.

A Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, en vigor desde 2018, obriga a tratar o abandono de xeito ético e responsable, acollendo os animais abandonados, coidándoos e buscándolles un novo fogar. A responsabilidade do funcionamento deste servizo é municipal desde a aprobación desta norma. Os animais recollidos na Baña permanecen nas instalacións de XEA recibindo uns coidados e unha alimentación adecuada, ademais dos tratamentos necesarios nuns exemplares que en moitas ocasións chegan en mal estado de saúde.

O Concello fai un chamamento á responsabilidade da cidadanía. É misión de todos e todas erradicar o abandono de animais de compañía, que non só é un comportamento cruel, reprobable e ilegal, senón que xera un importante custe que deben afrontar as arcas municipais. 

O consistorio anima tamén á adopción dos exemplares que actualmente buscan fogar. Manchas, Nito, Rocky, Philip e Fusko están agardando por unha nova familia que os atenda. Para coñecer os animais e saber máis do proceso, poden poñerse en contacto con XEA a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

A continuación reprodúcese o informe emitido por XEA para o Concello da Baña con data 28 de setembro.

20201016 Informe Baña XEA