• As persoas usuarias recibirán en tempo real e por orde cronolóxica todas as mensaxes municipais //

  • O servizo é completamente gratuíto e anónimo; nin administradores nin o resto de usuarios poderán ver os datos dos seguidores //

  • “Apostamos polas posibilidades das novas tecnoloxías para achegarlle a actualidade municipal ao maior número de persoas”, subliña o concelleiro Álvaro Silva //

O Concello da Baña reforza a comunicación coa veciñanza incorporando á súa oferta informativa unha canle de whatsapp na que se compartirán comunicacións de interese como novas, datas e prazos de trámites municipais, a axenda cultural ou mesmo avisos.

Esta información, que o Concello xa vén proporcionando a través da web municipal e os perfís oficiais de Facebook e Instagram, poderá chegar así ao maior número de persoas e, pensando nos maiores, o obxectivo do Concello é achegarlla sobre todo a aquelas con máis dificultades para manexarse no mundo virtual. Outra gran vantaxe da canle de wathsapp é que as persoas usuarias reciban todas as comunicacións e, ademais, por orde cronolóxica.

Para facer uso deste novo servizo, o único que teñen que facer as persoas interesadas é entrar na canle de whatsapp do Concello da Baña premendo nesta ligazón. Unha vez dentro, terán que darlle a ‘Seguir’ na parte superior da pantalla do móbil e é importante tamén que activen as notificacións (na campaíña) para que whatsapp mande avisos cada vez que o Concello da Baña faga unha nova publicación e poder así estar informados en tempo real de todo o que aconteza.

“Esta canle de whatsapp supón dar un paso máis de cara a potenciar a comunicación entre o Concello e a veciñanza apostando polas posibilidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías”, subliña Álvaro Silva, concelleiro de Contas, comunicación e novas tecnoloxías, quen incide tamén en que o novo servizo “permitirános achegarlle a actividade municipal ao maior número de persoas dun xeito máis áxil e eficaz”.

Silva explica que o novo servizo da popular aplicación de mensaxería instantánea salvagarda o anonimato das persoas usuarias. As mensaxes están cifradas e os datos e o número de teléfono das persoas que se subscriban non son visibles nin para os demais usuarios nin para os administradores.

Así mesmo, as persoas usuarias non poderán escribir nin facer comentarios, aínda que si poden reaccionar e compartir as publicacións, e poden darse de baixa no servizo en calquera momento.

  • O Pleno acorda que os festivos locais en 2024 serán o 22 de xaneiro, día de San Vicenzo; e o 9 de setembro, festividade da Virxe das Dores //

  • A Festa da Terceira Idade adíase ata a primavera do ano que vén pola forte débeda do Concello, que o goberno municipal cifra en 1,6 millóns //

  • Aproba por unanimidade a modificación do convenio de Atención Temperá con Santa Comba para incrementar as horas de logopedia e diminuír a lista de agarda //

  • O goberno remitiulle dous oficios ao exalcalde reclamándolle o pagamento dos gastos de seguro médico e a localización de sete teléfonos móbiles //

 

 

A Corporación da Baña aprobou onte destinar 142.000 euros do POS+ Adicional á realización de obras e outros 268.000 a gasto corrente para pagar facturas atrasadas nun pleno no que, agás este, os outros puntos foron aprobados por unanimidade. A preguntas do PP, a primeira tenente de alcalde, Mónica González, dixo que a Festa da Terceira Idade vaise adiar ata a primavera debido “á forte débeda que ten o Concello”, que o alcalde cuantificou en 1.600.000 euros “segundo os informes de tesourería”. Ao rematar o pleno, o alcalde, José Antonio Pereira, informou ao portavoz do PP e exalcalde, Andrés García Cardeso, que se lle remitiran dous oficios; un deles para reclamarlle o pago do seu seguro médico, aboado polo Concello, e o outro para saber onde están sete teléfonos móbiles que costaron máis de seis mil euros, dos doce encargados no último ano polo anterior goberno.

O día de San Vicenzo (22 de xaneiro) e o día da Virxe das Dores (9 de setembro) serán festivos locais na Baña o vindeiro ano, un acordo aprobado por unanimidade. Os tres grupos tamén votaron a favor de aprobar a conta xeral de 2022, da ordenanza de administración electrónica e do regulamento de control interno do Concello, que define o réxime de fiscalización de gastos e ingresos para mellorar a eficiencia da administración local.

A proposta para modificar o convenio do servizo de Atención Temperá con Santa Comba foi apoiado por todos os concelleiros. Segundo explicou Mónica González, a intención é incrementar as horas de logopedia, para acabar coas listas de agarda, e un reaxuste do equipo de profesionais do servizo, “xa que unha persoa remata o contrato e hai que informar á Consellería”. Actualmente, reciben atención neste servizo 57 nenos e nenas menores de 6 anos dos municipio da Baña e de Santa Comba.

O POS+ Adicional, Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña, foi aprobado unicamente cos 6 votos do equipo de goberno de PSdeG e BNG e a abstención do PP (5). Dos 411.237,10 euros que lle corresponden ao Concello da Baña o alcalde presentou a proposta de destinar 268.540 euros a gasto corrente para pagar facturas e 142.697 euros á realización de obras, entre elas a mellora do entorno da igrexa de Fiopáns, o acceso a unha vivenda en Emes e outro en Corneira, así como dous tramos da estrada de Vigobó a Pandoira. “Son as actuacións máis necesarias agora mesmo”, dixo José Antonio Pereira.

Dende o PP mostráronse a favor de mellorar a contorna da igrexa de Fiopáns, pero criticaron os arranxos de accesos a vivendas particulares en vez de presentar un plan máis global. José Antonio Pereira replicoulle que, coa mellora dos accesos en Emes e Corneira, “cumprimos cunha promesa que lle fixo vostede (Andrés García Cardeso) hai oito anos á veciñanza e que seguen estando en terra”. Pereira Gil tamén lle criticou ao PP que non incluíra no POS de 2018, 2019 ou 2022 a mellora da contorna da igrexa de Fiopáns. Ademais, engadiu, “nós presentamos un orzamento duns 80.000 euros, a metade do que tiña preparado o PP”.

Débeda de 1,6 millóns e Festa da Terceira Idade

Nos rogos e preguntas, cando Andrés García Cardeso preguntou polo estado das obras executadas con cargo a subvencións, José Antonio Pereira díxolle que moitas estaban rematadas ou en fase de execución e que outras non se podían executar pola forte débeda do Concello.

Pereira Gil presentou un informe da Tesourería municipal que cifra a débeda do Concello en 1.600.000 euros. “Cando chegamos ao goberno atopámonos con facturas pendentes de pagamento do ano 2022 por importe de 185.000 euros, e case outro millón de euros sen pagar entre xaneiro e xuño deste ano. Non temos capacidade financeira para aportar o 20 por cento que nos piden moitas subvencións”.

Por causa da débeda, o Concello non vai organizar este ano a Festa da Terceira Idade, como lle sinalou a concelleira do BNG ao portavoz popular. “Valoramos facela este ano, pero coa situación económica do Concello é inviable”, dixo Mónica González. “Farémola na primavera, agora temos que pagar o que debemos”, afirmou. A primeira tenente de alcalde criticou que o anterior goberno municipal destinase á Festa Castrexa uns 30.000 euros, “que aínda están sen pagar, e así con moitas outras cousas”.

José Antonio Pereira e Mónica González dixeron que hai departamentos, como deportes ou cultura, que teñen as súas partidas económicas en negativo, “gastouse máis do previsto”.

Ao rematar o pleno, o alcalde informoulle ao portavoz do PP que se lle remitiran dous oficios. Un deles reclamándolle que pague ao Concello “752 euros correspondentes ao seguro médico dos meses de xullo, agosto, setembro e outubro” que foron aboados polas arcas municipais.

No outro oficio, o goberno local pídelle a García Cardeso que informe onde están sete teléfonos móbiles, valorados en máis de seis mil euros, dos doce comprados con fondos municipais, “que non sabemos a quen están asignados. Os teléfonos chegaron ao concello ao seu nome”, lle dixo José Antonio Pereira.

Andrés García Cardeso respondeu que non recibira ningunha notificación. “Todos os teléfonos foron solicitados para a brigada de obras e a outros departamentos municipais, e distribuídos dende o departamento de Cultura. Eu non pedín nada”, concluíu o exalcalde.

20230927 A Banha pleno setembro POS adicional 1

  • O servizo de telefonía móbil 4G e 5G permitirá aumentar a velocidade de conexión a internet e mellora a cobertura no interior das casas //

LLega 700 será a empresa encargada de solventar os problemas que poidan xurdir na recepción do sinal de TDT cando se implante proximamente na Baña o servizo móbil de nova xeración 4G e 5G. Así llo comunicou a propia empresa ao Concello, ademais de facilitar o número de atención gratuíto 900 833 999 ao que deben chamar as persoas que se vexan afectadas.

Nunha comunicación ao Concello da Baña, llega 700 informou de que o servizo 4G e 5G que se está a implantar no noso municipio opera sobre as bandas de frecuencia de 700 e 800 MHz que utilizaba a televisión dixital terrestre, motivo polo que o sinal de TDT pode verse alterado cando a nova tecnoloxía entre en funcionamento. De ser o caso, a veciñanza afectada poderá chamar gratuitamente ao número 900 833 999 para que un técnico cualificado se desprace ao seu domicilio e solucione o problema sen custo algún.

LLega 700 lembra que a tecnoloxía móbil de nova xeración 4G e 5G permiten ofrecer unha mellor cobertura en interiores, incrementando a velocidade de conexión a internet e a calidade dos servizos de televisión, vídeo e música baixo demanda.

Toda a información está dispoñible na páxina web www.llega700.es.

  • A temporada de verán prolongarase ata o venres 15 de setembro //

  • A entrada diaria custará 2 euros e os abonos mensuais serán de 25 euros para unha persoa e de 45 euros para familias //

A veciñanza da Baña poderá gozar este verán da piscina municipal de Agra de Chans dende o vindeiro luns, 26 de xuño, ata o venres 15 de setembro en horario de mañá e tarde. Nestes primeiros días, ata o sábado 1 de xullo, o acceso será gratuíto.

Ata o 31 de agosto, e de luns a venres, a piscina abrirá de 10.00 a 14.00 horas polas mañás e de 15.00 a 21.00 horas polas tardes. Nas fins de semana, retrasarase a apertura ata ás 12.00 horas e, a partir de setembro, pechará ás 20.30 horas.

A entrada será gratuíta para os menores de 14 anos, mentes que o público en xeral pagará dous euros por acceder ao recinto. Tamén haberá abonos mensuais, que custarán 25 euros de xeito individual e 45 euros para familias. Para dúas semanas, o prezo por persoa será de 15 euros.

As persoas interesadas en retirar os abonos ou ter máis información, pódense dirixir ao departamento de Deportes nas oficinas da Casa Consistorial ou chamar ao 981 886 501.

O Concello da Baña facillítalle á veciñanza un modelo de alegacións para que as persoas que así o desexen poidan manifestar o seu rexeitamento ao parque eólico de Sete Fontes. As alegacións poderán presentarse ata o 19 de xaneiro de 2023.

O Boletín Oficial do Estado publicou o pasado 5 de decembro o anuncio de exposición pública do Estudo de impacto ambiental e da solicitude de autorización administrativa previa (modificados) do parque eólico Sete Fontes, así como a súa infraestrutura de evacuación asociada. Este parque, impulsado por Green Capital e de 54 megavatios, afecta aos concellos de Outes, Negreira e A Baña, dándose a circunstancia de que é precisamente a modificación da infraestrutura de evacuación agora presentada a que fai que chegue á Baña. 

O expediente pódese consultar nesta ligazón.

O modelo de alegacións ao proxecto do parque eólico de Sete Fontes pode descargarse no arquivo que se achega.