• Poderán beneficiarse os establecementos do municipio que tiveron que pechar durante a pandemia

  • O goberno local reserva unha partida de 20.000 euros nos presupostos de 2021, que deberán aprobarse para sacar adiante a iniciativa

  • O presidente dos empresarios considera que esta medida “suporá un pequeno alivio para o tecido produtivo da Baña”

20210305 Concello ABaña Emprende WEB

O Concello da Baña vai preparar unha convocatoria de axudas dirixidas as empresas e comercio local que tivo que pechar por mor da pandemia, para axudarlles a afrontar algúns dos gastos correntes que teñen que asumir, entre eles as taxas polos servizos municipais. Este foi un dos compromisos que adquiriu o alcalde, José Antonio Pereira, co presidente da Asociación de Empresarios A Baña Emprende, Rafael Vieito, despois da reunión que ambos mantiveron no Concello.

Dar a coñecer o tecido empresarial do municipio, xerar sinerxías entre elas, e difundir os recursos que teñen ao seu alcance son algúns dos obxectivos que persegue a Asociación A Baña Emprende, recentemente constituída. Na reunión co alcalde, Rafael Vieito solicitoulle unha liña de axudas que permitan aos empresarios e comercios do municipio aliviar un pouco a súa situación económica.

Nesta liña, alcalde e presidente consideran factible que estas axudas do Concello, que poderán chegar ata 20.000 euros se se aproban os orzamentos para o presente exercicio, vaian dirixidas a aqueles negocios ou empresas “que tiveron que pechar obrigatoriamente na súa actividade por indicación das autoridades sanitarias”, indicou o alcalde. Rafael Vieito considera importante poder sacar adiante a iniciativa, “que suporá un pequeno alivio para o tecido produtivo da Baña”.

O equipo de goberno está xa a traballar na redacción das bases desta convocatoria, “que non poderemos poñer en marcha ata que non se aproben os presupostos municipais de 2021, pois nos actuais non existe partida orzamentaria para elo”. A idea e darlle facilidades ás empresas e negocios para que poidan destinar estas axudas “a pagar as taxas municipais, gastos de aluguer, seguros cotas de seguridade social de traballadores ou autónomos, seguros”, entre outras partidas, engade o alcalde.