Un total de 14 persoas participan no curso Como poñer en marcha un proxecto turístico local?, organizado polo Concello da Baña e impartido por Sandra Touza, directora da empresa Ponle cara al turismo. O curso ten unha duración total de 10 horas distribuídas en tres xornadas de traballo, os días 12, 13 e 14 de novembro.

A empresa Ponle cara al turismo aposta por un enfoque diferente ao fomentar un turismo responsable mediante a súa integración na comunidade. A súa directora, Sandra Touza, dará a coñecer os diferentes segmentos de mercado e as novas tendencias turísticas e profundará nas distintas fases dun proxecto, no ciclo de vida dun produto e dun destino turístico.

A través dunha dinámica de traballo en equipo, fomentarase a creatividade e a cooperación para que cada participante, cos coñecementos acadados, sexa quen de presentar seu propio proxecto turístico unha vez finalizada a formación. No curso utilízase o método Lean Startup, axudándose de pezas Lego para fomentar a creatividade e as competencias clave.