• Pode empregarse dende os 4 anos en toda a rede do transporte público de Galicia

20210513 tarxeta nova

Coincidindo co comezo do curso, Xunta e empresa Monbus lembran que dende o pasado mes de maio todas as rapazas e rapaces galegos menores de 21 anos poden realizar ata 60 viaxes interurbanas gratis ao mes no transporte público de Galicia sexa cal sexa a orixe e o destino.

Deberán dispoñer para iso dunha Tarxeta Xente Nova e, para conseguila, haina que solicitar nalgunha das oficinas de Abanca habilitadas en cada provincia. No caso de ser menor de 18 anos, esta solicitude haberá de facela o representante legal.

Unha vez en posesión da tarxeta, as persoas beneficiarias terán que cargarlle cartos nos caixeiros de Abanca ou nas oficinas que a expiden. Pode facese en efectivo, con tarxeta, co móbil ou coa banca electrónica.

As viaxes realizadas pagaranse no momento coa Tarxeta Xente Nova e posteriormente a Xunta reintegrará o importe na mesma tarxeta, para o que haberá que aceptar a recarga nun caixeiro de Abanca. A bonificación das viaxes da primeira quincena dun mes estará dispoñible a partir do día 5 do seguinte mes e as da segunda quincena poderán aceptarse a partir do día 20.

As tarxetas están dirixidas a cativas/os e mozas/os de entre 4 e 21 anos. Ata os 3 anos, o transporte público en Galicia é gratuíto.

Na web https://xentenova.monbus.es/ pode consultarse toda a información sobre a Tarxeta Xente Nova e as súas vantaxes, o listado das sucursais habilitadas para a súa expedición e os servizos de transporte existentes en cada concello.

  • Responde deste xeito ao peche da oficina de San Vicenzo, a única financeira existente en todo o municipio

banco

O Concello da Baña tomou a decisión de retirar os seus fondos de Abanca e solicitar o peche da conta que ten nesta entidade bancaria en resposta ao peche da oficina que a financeira tiña en San Vicenzo, a única existente en todo o municipio.

A oficina de Abanca na Baña pechou as súas portas o pasado día 8 de setembro malia as mobilizacións desenvolvidas pola veciñanza, obrigada agora a desprazarse para efectuar calquera trámite bancario. Este peche englóbase nunha política de concentración por parte da entidade, que na mesma data pechou sucursais nas localidades coruñesas de Baíñas (Vimianzo), Zas e San Valentín, nas pontevedresas de Campo Lameiro e Campelo e nas ourensás de San xoán de Río, Padrenda e Quintela de Leirado, accións que os concellos afectados veñen denunciando como un desmantelamento do rural.

Coa decisión de retirar os seus fondos de Abanca, o Concello da Baña segue os pasos do de Vimianzo, que adoptou esta medida a semana pasada. Campo Lameiro, pola súa parte, declarou ‘persoa non grata’ ao máximo responsable da entidade, Juan Carlos Escotet.

  • Consideran que o Goberno galego é o único con capacidade para “falar de maneira directa” coa entidade financeira

 

Bana Manifestacion contra peche ABanca 2 webOs alcaldes da Baña, Vimianzo e Zas reiteran a súa petición dunha entrevista co presidente da Xunta para evitar o peche de oficinas de Abanca no rural, coincidindo co derradeiro día no que se prestarán servizos presenciais nas sucursais destes municipios. O pasado 13 de agosto solicitaron formalmente un encontro con Alberto Núñez Feijóo e, polo momento, non recibiron resposta.

“Cremos imprescindible falar presencialmente co presidente da Xunta para que nos axude e se poña á fronte das reivindicacións”, sinalan os rexedores. “É Alberto Núñez Feijóo a autoridade máxima e, por ende, quen debe atender a petición de defender aos nosos veciños. Ademais ten unha responsabilidade moral dado que o Estado saneou a banca dándolle máis de 7.000 millóns de euros de todos os cidadáns”. Os tres rexedores consideran que o Goberno galego é o único con capacidade para “falar directamente” coa entidade financeira.

Unhas 10.000 persoas tanto destes concellos como doutros limítrofes veranse afectadas por este peche, un auténtico “despropósito para o noso rural”, cualifican Manuel Muíño, Mónica Rodríguez e José Antonio Pereira, que onte entregaron na Coruña 5.500 sinaturas da veciñanza contra esta medida.

  • Os Campantes da Baña, Silvia Redondo, Faíscas da Pontraga e Os Monifates porán a nota musical na xornada festiva

  • Haberá menú xacobeo, mercado de produtos da terra e de artesanía e talleres de instrumentos musicais ou conservas

 

20210926 Cartel Romaria Xacobea Seilan 1A Baña acollerá o vindeiro domingo 26 de setembro a I Romaría Xacobea O Seilán, unha festa popular con música folk, artesanía e gastronomía. As actividades, que inclúen música, mercadiño, xantar e talleres, comezarán ás 11 da mañá e prolongaranse ata as 8 da tarde.

Desde pola mañá haberá postos de venda e exposición de produtos da terra na carballeira do Seilán, ademais de talleres de xardín xacobeo, cestos, barro, papel, conservas, produtos de beleza natural e instrumentos musicais. Amenizarán a xornada Os Campantes da Baña, silvaRedonda, Faíscas da Pontraga e Os Monifates. Non faltará o capítulo gastronómico, cun Menú Romaría Xacobea a base de empanada, polbo, carne ao caldeiro, rosca e café por un prezo de 13 euros para as primeiras 100 persoas que reserven praza no número de teléfono 682 859 367.

O evento está organizado polo Concello da Baña e conta coa colaboración da Xunta de Galicia. 

  • Os tres rexedores destes concellos presentaron esta mañá as peticións na sede da entidade bancaria na Coruña

  • Anunciaron que continuarán coas accións conxuntas despois de que Víctor Esmorís, xefe de zona de Abanca, lles comunicara a decisión unilateral da empresa de pechar mañá estas tres oficinas

20210907 sinaturas 1

 

20210907 sinaturas 2Máis de 5.500 persoas firmaron nas follas habilitadas para tal fin para esixirlle a Abanca que non peche as oficinas de Zas, Baíñas e A Baña. As peticións promovidas polo Concello de Zas, o Concello de Vimianzo e o Concello da Baña entregáronse esta mañá na sede central de Abanca na Coruña por Manuel Muíño (alcalde de Zas), Mónica Rodríguez (alcaldesa de Vimianzo) e José Antonio Pereira (alcalde da Baña).

Os tres rexedores anunciaron que continuarán realizando accións conxuntas despois de que Víctor Esmorís, xefe de zona de Abanca, lles confirmase a decisión unilateral da empresa de pechar mañá, 8 de setembro, as oficinas de Zas, Baíñas e A Baña. Neste sentido nos vindeiros días establecerase unha nova liña de accións conxuntas debido a que estes peches afectan directamente a uns 10.000 veciños e veciñas da zona.

Dende o momento en que coñeceron a decisión, os rexedores destes tres municipios trazaron unha serie de accións conxuntas para evitar estes peches. Ata o momento solicitaron unha reunión co presidente da Xunta de Galicia, reuníronse co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), promoveron unha concentración no mesmo día e á mesma hora diante de cada unha destas oficinas e convocaron unha manifestación diante da sede de Abanca na Coruña á que acudiron máis de 500 veciñas e veciños afectados.