revisado Piscina 2020O Concello da Baña abre mañá, 1 de xullo, a piscina municipal, que terá aforo limitado e todas as medidas fixadas polas autoridades sanitarias para evitar a propagación da covid-19. A instalación permanecerá aberta de 15.30 a 21.00 horas durante os meses de xullo e agosto, e de 15.30 a 20.30 entre os días 1 ao 15 de setembro.

A abono familiar por mes custa 45 euros (25 € o individual), e 2 euros o pase diario. O abono por quince días custa 15 euros e o curso de natación 30 euros. Os menores de 14 anos terán acceso gratuíto á piscina.

Na piscina é obrigatorio o uso de gorro e chancletas, así como asegurar o distanciamento social, para o que se dividiron os espazos. Durante toda a temporada, extremaranse as medidas de hixiene na instalación.

  • A organización suspende a proba prevista para outubro para evitar riscos sanitarios

  • Agradecen a implicación de atletas, patrocinadores e voluntarios

20200507 CMP TRAIL 2020 CANCELADA

O CMP Trail da Baña, previsto para outubro, non se vai celebrar este ano. O Concello e GTraM Val de Barcala, organizadores da proba, decidiron cancelar a quinta edición para non poñer en perigo a saúde de atletas, voluntarios e patrocinadores ante a situación que estamos a vivir provocada pola pandemia da COVID-19. A organización tomou esta decisión despois de reflexionar e manter varias reunións virtuais.

Ante a  situación sanitaria, despois de case dous meses de confinamento, a organización entende que, aínda que dolorosa, esta é a mellor decisión para non poñer en risco ningunha das persoas participantes nin dos estamentos que inflúen no CMP Trail da Baña.

Aínda que ata o mes de outubro falta tempo, a organización recoñece que durante o desenvolvemento da proba en case ningún momento pode garantir as normas máis básicas de distancia entre participantes nin evitar aglomeracións para protexer e velar pola saúde dos corredores e corredoras. 

A organización agradece o esforzo dos patrocinadores do CMP Trail e manifesta o seu máis profundo respecto pola situación que están a pasar, moitos deles cos negocios paralizados dende hai case dous meses. Tamén recoñece o traballo e o importante labor que fan as persoas voluntarias que colaboran co CMP Trail.

  • Publicaranse en redes vídeos con exercicios adaptados a diferentes características

  • O Concello anima a veciñanza a interactuar, formulando consultas ou compartindo adestramentos

20200323 Deporte Na Casa

 

O Concello da Baña, a través do Departamento de Deportes, pon a disposición da veciñanza unha serie de vídeos para promover a actividade física. Con esta iniciativa, o consistorio busca poñer en valor a importancia da actividade física para pasar estes días de confinamento na casa.

Durante estes días publicaranse no Facebook do Concello vídeos ou enlaces a tutoriais ou noticias do ámbito deportivo. A intención do Departamento de Deportes é adaptar estas tarefas ás características da veciñanza: idade, relación previa coa actividade física, doenzas... As publicacións iniciáronse hoxe, luns, cun vídeo para realizar na casa exercicios de mobilidade articular, traballo cardiovascular, traballo de forza e estiramentos.

Por outra banda, o Concello insta os veciños e veciñas da Baña a compartir os seus adestramentos e exercicios e a interactuar cos vídeos que se vaian publicando. Así, abre dúas vías para formular as dúbidas ou consultas: a través do propio Facebook do Concello ou vía telefónica, no número 669 368 413, ben sexa cunha chamada ou ben mediante o WhatsApp.

Vídeo: Actividade física durante o estado de alarma (I)

20200427 xadrez 1

Mozos e mozas xadrecistas da Baña, Negreira e Portomouro conformaron o equipo que se alzou coa vitoria no I Torneo Provincial de Xogade de Xadrez, celebrado a través de Internet o pasado sábado 18 de abril. O equipo Xadrez Negreira, no que participaban os veciños da Baña Sergio, Noel e Álvaro, logrou o primeiro posto na categoría Sub 10.

Arredor de 150 nenos e nenas da provincia da Coruña participaron neste torneo en liña provincial en dúas categorías, Sub 10 e Sub 14. A primeira das modalidades disputouse nunha fase única o sábado 18 de marzo, mentres que a Sub 14 tivo unha primeira fase na mesma data e unha fase final o domingo 19, na que se enfrontaron de maneira directa os primeiros catro clasificados.

No cadro de resultados da categoría Sub 10 cómpre destacar o papel do equipo Xadrez Negreira, que con 117 puntos logrou o primeiro posto; seguido polo Círculo Xadrez Narón Sub 10, con 78 puntos; e en terceiro lugar polo Peleteiro Sub 10 e a Escola de Xadrez Brétema, igualados con 68 puntos. A nivel individual sobresaen os 50 puntos acadados por TREX-2010 (Narón), os 42 de Nico-Amado (Negreira), os 30 de Gaelinho (Bertamiráns) e os 30 de HugoDB (Negreira).

Mentres, o podio da categoría Sub 14 conformárono, por esta orde, os equipos Brétema, E.X. Compostela, USC e Bertamiráns. A nivel individual, na primeira fase desta categoría destacan os 36 puntos de Davidbrétema (Brétema), os 34 de Melonovich (USC), os 32 de Hugodomínguez (Bertamiráns), os 32 de Tonxadrez (USC), os 32 de Noelberta (Bertamiráns) e os 30 de NeryCereijo (E. X. Compostela).

O torneo disputouse a través da páxina web lichess.org que, aínda que é gratuíta, precisa inscrición previa.

O profesor e árbitro de xadrez Alberto Dios explica neste enlace os pasos que hai que seguir para inscribirse en lichess: https://1drv.ms/u/s!AgYCZZORv_pNg0VQ_dlYfFus1kdT

Cada sábado hai un novo torneo de xadrez. Así, o vindeiro 2 de maio a cita é co NEGREIRA Arena, ao que se pode acceder neste enlace: https://lichess.org/tournament/29SxWzl4

20200427 xadrez 2

O Concello da Baña, en colaboración coa Deputación da Coruña, reparte 50 entradas para asistir en directo ao partido entre o Monbus Obradoiro e o UCAM Murcia CB, que se disputa este domingo 1 de marzo ás 12.30 h. 
Para conseguir unha entrada só hai que chamar ao teléfono 669 368 413 ou ao 981 886 501. As entradas serán para as 50 primeiras persoas que se anoten, por rigorosa orde de inscrición. 
Esta oferta inclúe tamén o desprazamento ao Multiusos Fontes do Sar, en Santiago. O autobús sairá da Praza do Concello da Baña o domingo 1 de marzo, ás 11.00 horas.