CARTEL BTT 19

O Concello da Baña e o Club Ciclista de Negreira abren o prazo de inscrición para a terceira edición da Ruta BTT Filloa da Pedra. A celebración da proba será o domingo 17 de marzo. O éxito das últimas edicións, ás que acudiron máis de 70 ciclistas de toda Galicia, fai augurar unha divertida xornada de deporte nas fermosas paisaxes da comarca da Barcala.

Os participantes sairán da Praza do Concello da Baña ás dez da mañá para facer un dos dous percorridos propostos pola organización. O primeiro consta duns 32 quilómetros, mentres que o máis longo chega aos 42, pasando por pistas forestais que presentan unha dificultade técnica media. Poden participar ciclistas maiores de 15 anos, estean federados ou non; neste último caso tramitarase coa Federación Galega de Ciclismo unha licenza dun día para cubrir o seguro de accidentes e responsabilidade civil.

Ao longo da xornada, os ciclistas atoparán puntos de avituallamento no quilómetro 20 (sólido e líquido) e no 30 (unicamente líquido). A chegada será no mesmo punto da saída.

O prazo de inscrición remata o xoves 14 de marzo. Para participar hai que cubrir o formulario habilitado ao efecto na páxina web municipal (www.concellodabana.gal) e aboar unha cota de 5€ (máis 10€ para a licenza temporal para os non federados) na conta bancaria indicada no regulamento, que está publicado tamén na web.