• Silvia García e Cristian Fernández impuxéronse na categoría absoluta, mentres que  Daniela Rama e Hugo Souto gañaron a supersprint

  • Dende primeiras horas da mañá moitos afeccionados e familiares dos corredores déronse cita na praza do concello

  • O recadado na proba destinouse para colaborar coa Asociación Española de GRINpatías

20230326 2 Duatlon Solidario Banha Infantil 58

Silvia García e Cristian Fernández foron os gañadores absolutos do I Dúatlon Solidario Concello da Baña, na categoría absoluta feminina e masculina. Na proba, celebrada o domingo pola mañá en San Vicenzo a beneficio da Asociación Española de GrINpatías, participaron máis de 300 atletas entre todas as categorías. O alcalde, Andrés García Cardeso, e o concelleiro de Promoción da vida activa e deporte, César Ramos, entregaron os trofeos xunto a o representante da Federación Galega de Tríatlon, Juan Carlos Ageitos, e do presidente da Asociación Española de GRINpatías, Andrés Domínguez.

A proba congregou na Baña a centos de persoas, que dende primeira hora da mañá acompañaron aos atletas e estiveron animando durante as diferentes probas celebradas. A saída e meta estaba situada na praza do Cruceiro, mentres que diante do concello colocouse a zona de transición, na que os e as atletas tiñan que coller e deixar as súas bicicletas para completar o percorrido.

20230326 3 Duatlon Solidario Banha Absoluta saida 20

As gañadoras absolutas na categoría feminina foron Silvia García, Inés Santiago e Margarita Villaverde. Por clubes, o campión foi o Artrogal-tri 498, que colocou a tres das súas atletas entre as catro primeiras. En homes, os gañadores absolutos foron Cristinan Fernández, David González e Diego Carballeira. Por clubs, subiron ao podio o Tríatlon Inforhouse Santiago, Club Tríatlon Poio e Artrogal-tri 498. En ámbolos dous casos, tiveron que facer 5 quilómetros correndo, 19,4 en bicicleta e outros 2,5 km correndo.

Na categoría Supersprint as gañadoras absolutas foron Daniela Rama, Andrea Díaz e Inés Duarte, na categoría feminina, e na masculina, Hugo Souto, Adrián Sancho e Anxo Bello. 

Os tres primeiros na categoría popular foron Juan José Bello, David Pérez e Víctor Lema, mentres que Eva Formoso impúxose na categoría feminina. Tanto nesta categoría coma na supersprint a proba consistiu en facer 2 quilómetros correndo, outros 7 en bicicleta para rematar con outros 1.000 metros correndo.

20230326 2 Duatlon Solidario Banha Supersprint 7

Entregáronse trofeos para os mellores clubs de supersprint e sprint masculino e feminino.

Polo que respecta ás categorías inferiores, os e as ganadoras das diferentes categorías foron os seguintes:

Benxamín feminino: Sara Muiño, Martina Junquera e Nora Varela

Benxamín masculino: Gabriel Noguera, Xan Castro e Nuno Barcia

Alevín feminino: Estela Yáñez, Martina Yubero e Noa Villadoniga

Alevín masculino: Manuel Martínez, Antón Viña e Pablo Jobe

Infantil feminino: Lucía Ageitos, Candela Lago e Iria Vázquez

Infantil masculino: Yeiden Jael Silva, Tomás Bautista e Manuel López

Nos arquivos adxuntos podes consultar as clasificacións das categorías supersprint, popular e absoluta.

 

Enlaces ás galerías de imaxes en facebook:

20230326 2 Duatlon Solidario Banha Infantil 10

 

20230326 2 Duatlon Solidario Banha Infantil 54

 

  • Pídese non aparcar nas inmediacións das prazas do Concello e Cruceiro nin nos lugares polos que pasa o circuíto das diferentes categorías

  • Habilitado un aparcamento gratuíto no antigo campo da feria, ao final da rúa Campo da Feira, e tamén se pode estacionar na rúa Rosalía de Castro

  • As restriccións serán entre as 09.30 e as 15.00 horas

 

 

Restriccions trafico Duatron Banha

O Concello da Baña vén de comunicar que este domingo as rúas polas que pasa o circuíto do I Dúatlon solidario van ter limitacións de tráfico durante os momentos nos que se celebren as diferentes probas. Non se permitirá o aparcamento nas inmediacións da praza do Concello, e infórmase que se habilitou un espazo para deixar os coches en Paredes

O alcalde, nun bando publicado hoxe, pide a colaboración e comprensión da veciñanza para colaborar co normal desenvolvemento desta proba e que a mesma sexa un éxito. O I Dúatlon solidario vai xuntar na Baña a preto de 500 atletas das diferentes categorías.

No bando infórmase que as rúas que van ter limitacións de tráfico entre as 09.30 e as 15.00 horas son a estrada de Vesía, rúas das Dores, Castelao, Xacinto Rodríguez, a estrada de Xasoso-O Castro, a de Señor ata A Baña e a estrada AC-444.

O acceso ata a San Vicente poderase facer pola AC-444 dende Paredes, pola rúa Rosalía de Castro ata o cruce coa rúa Campo da Feira, ao final da cal está habilitado un aparcadoiro gratuíto, situado no antigo campo da feira.

 20230122 A Banha I Carreira San Vicenzo 24

Preto dun cento de atletas participaron onte na I Carreira de San Vicenzo, unha proba non competitiva de catro quilómetros apadriñada polo karateca Nicolás Carnota. A carreira, que coincidiu coa celebración das festas patronais de San Vicenzo, substituíu á II San Silvestre, que se suspendeu o pasado 31 de decembro de 2022 debido ao mal tempo.

 20230122 A Banha I Carreira San Vicenzo 20

O bó ambiente e as ganas de pasalo ben foron unha constante entre todas as persoas participantes e durante toda a mañá. A I Carreira San Vicenzo, organizada pola Concellería de Promoción da Vida Activa e Deporte,  comezou coa música dos Gaiteiros da Baña e acabou co centenar de participantes tomando as lambetadas mentres soaban, a golpe de bocinazo, as 12 badaladas de San Vicenzo (simulando as badaladas de fin de ano da proba suspendida o 31 de decembro). 

 20230122 A Banha I Carreira San Vicenzo 100

Ao rematar os catro quilómetros, que os gaiteiros da Baña fixeron tocando gran parte do percorrido, a rapazada puido gozar cos inchables instalados na praza do concello, mentres o Dúo Rosán animaba a sesión vermú. Todas as persoas participantes puideron degustar chocolate quente.

Album de fotos na páxina de Facebook do Concello da Baña (neste enlace).

 20230122 A Banha I Carreira San Vicenzo 55

  • A recadación íntegra das inscricións destinarase á investigación das GRINpatías //
  • Ademais da carreira absoluta, haberá outra para menores e unha proba supersprint aberta á participación popular //
  • Todos os atletas recibirán unha camiseta e serán agasallados con petiscos na liña de meta //

Este luns 27 de febreiro quedou aberto o prazo de inscrición para participar no I Dúatlon da Baña, que se disputará o domingo 26 de marzo e será a terceira das catro probas clasificatorias para o campionato galego da especialidade en estrada. Trátase dunha carreira técnica e esixente que permitirá coñecer as paraxes bañenses e que se destaca pola súa vertente solidaria a prol da Asociación Española de GRINpatías, tal e como subliñaron esta mañá os organizadores durante a presentación da proba no Salón de Plenos do Concello da Baña. A participación, que a priori se estima nuns 400 atletas, abrangue as categorías benxamín, infantil, cadete, xuvenil e absoluta. Ademais, haberá unha carreira popular na que poderán participar todas aquelas persoas que o desexen sen necesidade de estar federadas.

O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso; o concelleiro de Promoción de Vida Activa e Deporte, César Ramos; a secretaria da Federación Galega de Tríatlon, Mónica Flores; o presidente da Asociación Española de GRINpatías, Andrés Domínguez; e a vicepresidenta e o secretario do Club Cervecería Cotón de Negreira, Ana Ramos e Alejandro Caamaño, presentaron hoxe no Concello da Baña a primeira edición do Dúatlon Solidario da Baña. Programado para a mañá do domingo 26 de marzo, del sairán 22 dos deportistas que participarán o 30 de abril en Lugo no campionato autonómico de dúatlon e que se unirán aos xa clasificados nas probas celebradas en Poio e Santiago e aos que se clasificarán con posterioridade en Vimianzo.

20230227 134629 web

O I Dúatlon da Baña comezará ás 9 da mañá cunha carreira para menores (categorías benxamín e infantil), ás que seguirá un circuíto supersprint (para cadetes, xuvenís e júniors), unha proba masculina sen corte e, como peche, as clasificatorias de homes e mulleres. O circuíto supersprint servirá tamén como proba de promoción do duatlón e, no caso de quedar prazas sobrantes, no mesmo poderán participar todas as persoas que queiran coñecer este deporte.

As inscricións realizaranse en liña ata o 21 de marzo na páxina da Federación Galega de Triatlón, se ben hai que puntualizar que, no caso da proba supersprint, se pechará o día 14 de marzo para deportistas con licenza coa fin de poder abrila ao día seguinte, 15 de marzo, para o público en xeral. En todos os casos, o prezo da inscrición destinarase integramente á investigación das GRINpatías, doezas que pertencen ao grupo de enfermidades raras e están asociadas á alteración duns xens denominados GRIN que inflúen na memoria e na aprendizaxe.

A maiores do prezo da inscrición, todos os atletas que queiran poderán aumentar a súa doazón no momento de formalizar a reserva de praza. Así mesmo, e aínda que non participen no dúatlon, as persoas que queiran contribuír poderán facelo a través da conta bancaria IBAN-ES 58 2100 0863 2302 0068 7153 da Asociación Española de GRINpatías.

Premios e agasallos

Levarán medallas as tres primeiras clasificadas e clasificados de cada categoría (absoluta, veterano 1, 2 e 3, sub23, xuvenil e júnior) e trofeo os tres primeiros clubes, tanto en mulleres como en homes. Ademais, haberá premios en metálico para os podios feminino e masculino (150€, 100€ e 50€) e o primeiro club en mulleres e en homes (200 euros).

Ao remate da carreira, todas as persoas participantes serán agasalladas cunha camiseta e uns petiscos.

Durante a presentación, a maiores de agradecer á colaboración de todos os patrocinadores, o alcalde da Baña manifestou o seu desexo de que o 26 de marzo “faga bo día” para poder desfrutar dunha auténtica festa do deporte e da solidaridade. “Queremos ter a maior participación posible para que a recadación da Asociación Española de GRINpatías sexa todo un éxito”, sinalou Andrés García.

Pola súa parte, César Ramos destacou o esforzo da Concellaría de Promoción de Vida Activa e Deporte por “dar a coñecer e ofrecer no noso municipio disciplinas deportivas que non son tan populares”. Nesta liña, Mónica Flores, secretaria da Federación Galega de Triatlón, incidiu en que a proba será técnica e esixente para facela atractiva de cara aos participantes e que o deseño do percorrido responde tamén ao desexo da corporación municipal de divulgar as paraxes da Baña.

Alcalde e concelleiro pediron a colaboración cidadá para que a proba se desenvolva sen incidentes e recordaron que terán que cortar ao tráfico algunhas rúas na mañá do domingo 26 de marzo.

Consulta aquí as bases: Circuíto Duatlón // Supersprint e menores

duatlon

  • As clases comezarán a impartirse o luns 23 de xaneiro con dúas horas semanais tanto para nenos como para adultos

  • Para anotarse hai que cubrir o formulario dispoñible na web do Concello

  • Os afeccionados a este deporte poderán reservar as pistas de Lañas de xeito gratuíto provisionalmente a partir do día 20

20230111 Diego Calvo inaugura pistas padel Lanhas 10

 

O Concello da Baña incorpora a modalidade de pádel ás Escolas Deportivas Municipais. A nova actividade deportiva está aberta tanto a nenas e nenos como a persoas adultas. As clases, que comezarán a impartirse a partir do vindeiro luns, 23 de xaneiro no pavillón de Lañas, desenvolveranse unha vez á semana en sesións de dúas horas de duración: os luns de 17.45 a 19.45 horas para menores e os venres, de 20.00 a 22.000 horas para persoas adultas.

Todas as persoas interesadas en mellorar a súa técnica ou iniciarse no pádel nas Escolas Deportivas Municipal da Baña deberán cubrir o formulario de inscrición que se atopa no arquivo adxunto, así como as bases das Escolas Deportivas Municipais.

Reserva gratuíta das pistas

Por outro lado, as novas pistas de pádel do pavillón de Lañas poderanse utilizar por todas as persoas afeccionadas a este deporte que fagan a oportuna reserva de hora. As pistas abriranse ao público tamén a partir do luns, 23 de xaneiro, nos seguintes horarios: os luns e os xoves, de 20.00 a 23.00 horas; os martes, mércores e sábado, de 17.00 a 23.00 horas. 

De forma provisional, a utilizacións das pistas será gratuíta, ata que o Concello aprobe a ordenanza correspondente, na que se establecerán os prezos e os horarios de uso. O venres, 20 de xaneiro, abrirase o prazo para facer as reservas das pistas, que se poderán facer cunha antelación non superior a unha semana (respecto do día que se queira xogar) e para un tempo máximo de 90 minuto por persoa.

Polo de agora, todas aquelas persoas que o desexen poden reservar a pista chamando ao teléfono do departamento de Deportes: 669 368 413, en horario de 10.00 a 14.00 horas, e indicar o día e o tramo horario no que queren xogar.