20191011 magostoO Concello da Baña, en colaboración coa comisión de festas da Baña e a Asociación de Mulleres Alborada, está a organizar un gran magosto para o día 26 de outubro que inclúe o visionado do partido entre Barcelona e Real Madrid nunha pantalla de 24 metros cadrados. Os actos continuarán durante o resto do día con sesión vermú, xantar popular a base de polbo, actuacións de músicos da Baña e o gran magosto, a partir das 19.00 horas. O grupo Ciclón e unha sesión DJ animarán a verbena.

Potenciar unha das grandes tradicións galegas do outono, a celebración do magosto, é o obxectivo que persegue o Concello da Baña coa organización dunha festa popular arredor da castaña. A comisión de festas da Baña e a Asociación de Mulleres Alborada colaboran na organización duns actos que se van celebrar na Praza do Concello dende o mediodía. Coa colaboración de Sinala Tecnoloxía Visual os afeccionados ao fútbol poderán ver un dos grandes clásicos da liga de fútbol, o Barcelona-Real Madrid, nunha pantalla de 6x4 metros.

Rematado o encontro, uns poderán celebrar a alegría pola vitoria e outros consolar as penas da derrota coa boa música do grupo Ciclón, que animará a sesión vermú. Unha polbeira encargarase de dar de comer a quen se anime a participar no xantar popular.

Pola tarde será o momento da música, con concertos dos mestres da Escola Municipal de Música, Ramón Leis e Moncho Ces (16.30 horas), e a actuación dos gaiteiros e das Pendeireteiras da Baña (18.15 horas).

Ás sete da tarde as persoas asistentes poderán degustar as castañas que se prepararán no magosto, antes de que o grupo Ciclón e una sesión de DJ animen a verbena dende ás 19.30 horas.

A veciñanza que queira colaborar con esta festa pode levar castañas á tenda Sinala Tecnoloxía Visual de San Vicenzo, en horario comercial.

cartel concursoO proxecto “A Baña dixital” organiza un concurso de fotografía e vídeo dirixido a persoas de entre 14 e 30 anos. Cada participante poderá presentar un máximo de 3 imaxes e un vídeo de 30 segundos, que teñen como requisitos fundamentais que sexan orixinais, tomadas en calquera punto do Concello da Baña e relacionadas co seu patrimonio cultural, ou paisaxístico. Os materiais que se presenten deben ser entregados no correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ata o 14 de outubro.

O material audiovisual que se presente pode obterse a través de calquera dispositivo (móbil, cámara...), debe ser tomado nalgún lugar da Baña e estar relacionado co seu patrimonio cultural, ou paisaxístico. Un grupo de profesionais de recoñecido prestixio escollerán un único gañador/a entre todas a fotos e vídeos, quen recibirá 100 euros en calidade de premio. Para o dito galardón poderase ter en conta tanto imaxes individuais coma series.

As imaxes e vídeos deben ser enviados por mail antes das 12.00 horas do día 14 de outubro de 2019 ao enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Os vídeos e fotografías remitidos deberán incluír nome completo, lugar de residencia, teléfono e copia do DNI. No caso dos menores de idade deberá achegarse tamén a autorización e DNI da nai, pai ou titor/a legal.

Para máis información, as persoas interesadas poden chamar ao 981 886 501.

As bases do concurso atópanse no arquivo adxunto. 

  • Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, as universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña

  • O prazo para participar no Proxecto Youtubeir@s 2019 está aberto ata o día 27 de setembro.  

20190921 recollida premio Mil Primaveras

O alcalde da Baña recolleu hoxe en Pontevedra, en representación do Proxecto Youtubeir@s, o Premio Mil Primaveras que lle foi concedido na categoría máis innovadora ao proxecto organizado polos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, as universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua. O acto celebrouse esta mañá no Pazo da Cultura de Pontevedra, conducido pola regueifeira Lupe Blanco e Luís O Caruncho. 

Cando se deu a coñecer o fallo, o xurado destacou que o Proxecto Youtubeir@s “favorece que as persoas que transmiten a través de Youtube o fagan en galego e que as que comunican en galego o fagan en Youtube”.  Nesta edición, entre os 47 proxectos presentados, tamén foron premiados  o Modelo Burela, do IES Perdouro (premio ao mellor proxecto estabilizado); Falemos de ti e min, do IES de Soutomaior (premio ao mellor proxecto novo); Desafío 48 h, do IES María Casares de Oleiros (premio á mellor comunicación e impacto); Eu presumo de galego, do IES de Melide (premio ao mellor proxecto destinado á mocidade); e GCiencia (premio ao mellor proxecto dun ámbito sectorial).

Os Premios Mil Primaveras, creados neste 2019 pola Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) coa colaboración da Deputación de Pontevedra, teñen como obxectivo valorar, recoñecer e difundir accións, campañas e programas que serven para fomentar a lingua e para incrementar tanto o seu uso coma o seu prestixio. A organización de Youtubeir@s, que neste 2019 acada a súa terceira edición, amosou a súa gratitude por este galardón

Os premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Foron avaliados de acordo coas bases por un xurado formado por persoal técnico do ámbito da normalización lingüística, da comunicación e da investigación sociolingüística, composto por Daniel Romero Rodríguez, técnico de normalización lingüística do Concello de Fene, Rosario Pérez Magdalena, técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, Ana Iglesias Álvarez, investigadora e docente na Universidade de Vigo, María Yáñez Anllo, xornalista e directora da revista dixital Vinte, e Anxos Sobriño Pérez, presidenta da CTNL.

Premios Youtubeir@s>

Os Premios Youtubeir@s, unhas das grandes liñas de acción do proxecto Youtubeir@s, mantén até o vindeiro 27 de setembro o prazo de inscrición para todas as persoas creadoras de contidos en Youtube na nosa lingua. Cómpre que os vídeos estean publicados con data posterior ao 15 de marzo de 2018, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. Establécense un total de catro categorías: vídeo-facermos (vídeos que mostran saberes e procesos de elaboración a través de titoriais), vídeo-opinarmos (exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese), vídeo-cantarmos (vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías) e canles.

 Ademais destas catro categorías, recoñeceranse premios á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística, decididos todos por un xurado de recoñecido prestixio que outorgará o premio durante a gala dos Premios Youtubeir@s, no mes de novembro. Por último, o certame conta cun premio do público que se entrega baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6500 euros en galardóns. As bases completas pódense consultar na web www.youtubeiras.gal.

20190923 Clases Baile Cartel FBO Concello da Baña organiza clases de baile moderno e latino para persoas maiores de 16 anos. A actividade celebrarase a partir do mes de novembro no centro social e da terceira idade os martes de 19.00 a 20.00 horas, ou de 20.30 a 21.30 horas.As persoas interesadas deberán inscribirse nas oficinas municipais de forma individual, cun custo de 22 euros ao mes, ou a través do bono familiar para parellas por 40 euros ao mes. As prazas son limitadas e a participación debe ser mínima de 3 meses (de novembro a xaneiro).

Para máis información, déixase a disposición o seguinte número de teléfono: 615 401 264.

20190917 RoboticaO Concello da Baña tamén ofértalle este ano ao alumnado do CPI San Vicente un curso de robótica, que se impartirá nas instalacións do propio colexio os venres de 15.30 a 16.30 horas.

Este curso está destinado a nenos e nenas de 5 a 16 anos e as prazas están limitadas. Requírese un mínimo de oito persoas interesadas para poñer en marcha o curso, e só se admitirán ata un máximo de 12.

O prezo do curso é de 25 euros mensuais e as clases comezarán o 4 de outubro.

As persoas interesadas deberán cubrir a ficha de inscrición e o documento de domiciliación bancaria e, despois, entregalo na Concellería de Educación ou remitilo a través da sede electrónica do Concello da Baña (preme aquí)

A ficha de inscrición e o documento para a domiciliación bancaria pódense descargar nos arquivos adxuntos.

Attachments:
Download this file (Domiciliación.pdf)Domiciliación.pdf[ ]120 kB
Download this file (FICHA DE INSCRICIÓN ROBÓTICA-1.pdf)FICHA DE INSCRICIÓN ROBÓTICA-1.pdf[ ]345 kB