Mercadiño Nadal 2018 ABaña WebMercar os agasallos para estas festas, comprar artesanía, gastronomía ou algún produto natural son algunhas das cousas que poderán facer este domingo 15 de decembro aquelas persoas que se acheguen ao Mercadiño de Nadal da Baña, que se vai celebrar a partir das doce do mediodía no polideportivo de San Vicenzo. Haberá postos de comida, polbeiro e moitas atraccións. Despois de dous espectáculos para público familiar chegará Papá Noel co seu saco cargado de ilusión, unha visita que sen dúbida será un dos principais atractivos da xornada.

Ante a previsión de chuvia para esta fin de semana, o Concello da Baña decidiu celebrar o Mercadiño de Nadal no polideportivo de San Vicenzo, en lugar de na Praza do Concello como ocorreu en edicións anteriores. Así, o pavillón abrirá as súas portas desde as doce do mediodía ata as sete da tarde para recibir á veciñanza e aos visitantes que se acheguen a ver e comprar os produtos típicos destas datas. Tamén haberá música, postos de comida e un polbeiro.

Xa na sobremesa chegará o momento de gozar con dous espectáculos dirixidos a público familiar. O primeiro, o Autoestopista intergaláctico de Aitor Garuz, terá lugar ás 15.30 horas. A seguir chegará o ilusionista Martín Camiña, quen a partir das 17.00 horas engaiolará ao público cos seus trucos de maxia e co seu humor.

Pero sen dúbida a visita máis esperada da xornada será a de Papá Noel, que escoitará atentamente as peticións de pequenos e maiores a partir das 18.00 horas no polideportivo.

I Andaina Solidaria Concello da Baña

Por outra banda, o Concello da Baña decidiu adiar ao 22 de decembro a celebración da Andaina solidaria, programada tamén para este domingo, pola previsión de mal tempo. Para participar nesta andaina é necesario achegar algún produto alimentario non perecedoiro ou de hixiene persoal, que se destinará ao Banco de Alimentos da Coruña. As inscricións poden facerse no Concello da Baña, vía telefónica (669 368 413) ou no formulario en liña https://forms.gle/BUTSzSzaNX4Zjg2j9.

A saída da andaina darase ás 10.00 horas dende a Praza do Concello. Así mesmo, no departamento de Servizos Sociais, na casa consistorial, estará habilitado un espazo para que todas aquelas persoas que desexen colaborar co Banco de Alimentos da Coruña poidan depositar alí alimentos non perecedoiros ou produtos de hixiene persoal, aínda que non teñan previsto participar na andaina.