imprimir
Categoría: Cultura e educación
Visitas: 1231

20200713 Cine OQueArde web

O cine ao aire libre volve esta fin de semana á Baña coa proxección da película de Oliver Laxe ‘O que arde, que se proxectará o sábado, día 18, a partir das 22.30 horas na finca da rúa Tedelle.

A fita O que arde, dirixida e coescrita polo galego Oliver Laxe, é un relato sobre a culpa, a dor e a soidade que narra a historia dun pirómano saído do cárcere que volve á casa xunta á súa nai. Este filme recibiu o Premio do Xurado na sección Unha certa mirada do Festival de Cannes 2019 e o Goya á mellor dirección de fotografía. A autenticidade da debutante Benedicta Sánchez foi recoñecida co Goya á mellor actriz revelación en 2020. Aínda que estaba previsto proxectala o venres, a emisión trasladouse para o sábado, día 18 de xullo, a petición da empresa que se encarga da proxección.

En colaboración coa Deputación da Coruña, o Concello proxecta esta película e tamén Maimiño e o espello máxico, que a veciñanza poderá visionar o 22 de agosto. 

Maimiño e o espello máxico é a primeira película galego-cubana de animación, unha adaptación do conto infantil Polgariño. Narra a historia dun pequeno labrego que quere sacar á súa familia da pobreza. Unha praga de insectos que lle estragan a colleita e o encontro co espello máxico da media laranxa son os sucesos que o conducirán á aventura.

O acceso para ver as dúas películas é gratuíto ata completar o aforo dispoñible.  O Concello instalará cadeiras e establecerá as medidas necesarias para respectar as medidas de seguridade e o distanciamento social para evitar a propagación da covid-19. Se algunha persoa prefire levar unha toalla ou cadeira da casa tamén pode facelo.