• Toda a veciñanza poderá amosar as súas casas, cabazas, debuxos ou manualidades no Facebook do concello ata o día 1 de novembro

  • Cada unha das persoas participantes será obsequiada cun libro de espurgación

samain bana

Neste Samaín, marcado polas restricións derivadas da pandemia da covid-19, o departamento de Cultura e Normalización Lingüística da Baña anima á veciñanza a celebralo en familia indagando sobre a nosa cultura e decorando as casas para compartir logo as súas creacións na páxina de Facebook do Concello. A todas as personas que participen agasallaranas cun libro de espurgación.

Para participar nesta iniciativa, denominada "celebra o Samaín en familia", calquera persoa pode compartir fotos das súas casas, as súas cabazas e os debuxos e traballos manuais que realice con froitos e follas propios da estación, incluíndo un lema en galego.

A participación estará aberta ata as 00:00 horas do 1 de novembro.

Cada participante recibirá un libro de espurgación, que poderá recoller a partir do 5 de novembro na axencia de lectura do Concello da Baña.

Como primeira intervención, as responsables de Cultura e Normalización Lingüística comezan por nos recordar aos druídas, xa que eran os encargados de celebrar a festa celta destinada a honrar os devanceiros, a través de numerosos ritos.

Contan as lendas que recollían nos bosques máis apartados bagas de visgo durante esa noite, para o que utilizaban un fouciño sagrado forxado en ouro. Con elas, preparaban apócemas e ungüentos, e vaticinaban sobre o futuro das colleitas e da aldea.

Un dos rituais que chegou a nós, e cuxos resultados auguraban o futuro, era o de recoller mazás, mergullalas nun caldeiro con auga e ser capaz de agarralas coa boca.