imprimir
Categoría: Cultura e educación
Visitas: 571

Con puntualidade de reloxio suízo, os Reis Magos cumpriron co prometido e chegaron ás cinco da tarde ao pavillón de San Vicenzo para saudar e coñecer os desexos de todas as nenas e nenos da Baña. Fieis a tradición, pero gardando as aconsellables distancias, puideron conversar con todos eles na tarde do 5 de xaneiro. Integrantes da Escola de Música Tradicional da Baña acompañáronos na recepción real. 

A visita das Súas Maxestades foi este ano un pouco diferente por causa do coronavirus. Rapazas e rapaces entraron no pavillón coas súas familias en tres quendas distintas segundo a parroquia onde residen. Na primeira delas, que comezou ás cinco da tarde, os Reis recibiron a cativada de Troitosende, Fiopáns, Lañas e San Cibrán. Ás seis, tiveron ocasión de conversar coas pequenas e pequenos de Corneira, A Riba, Ordoeste, Cabanas, Suevos e Ermida. E, por último, ás sete, estiveron coas cativas e cativos da Baña, Monte, Marcelle, Barro e Barcala.

Malia todos os impedimentos, as pequenas e pequenos volveron demostrar, coma fan nos colexios, que saben cumprir as normas para frear o avance da pandemia do coronavirus. Os Reis Magos deixaron constancia de que van premiar tan bo comportamento e xa alí mesmo fixéronlle entrega a cada un deles dun pequeno obsequio, ademais de asegurarlles que esta noite visitarán casa por casa con moitos máis.

Espectáculo para público familiar

Xusto antes da chegada dos Reis Magos, o polideportivo de San Vicenzo encheuse de maxia, teatro e circo co espectáculo Chop! da compañía Teatro ao Cubo. Por causa das limitacións de aforo derivadas da Covid-19, puideron asistir aquelas familias que fixeron reserva nos días previos.