• Os participantes deberán gravar un vídeo de menos de 2 minutos, con coplas de 8 estrofas en galego

  • O concurso está dotado con 300 euros en premios para os gañadores das tres categorías. O premio do público será un lote de libros

  • Precísase inscrición previa e subir os vídeos antes do 19 de febreiro

20210210 concurso coplas

O Concello da Baña anima a veciñanza a tirar de imaxinación, creatividade e novas tecnoloxías para celebrar o Entroido a pesar das restricións derivadas da pandemia. Se o ano pasado o desfile do Entroido da Baña foi un dos máis concorridos da comarca, e chegaron comparsas de toda Galicia, este ano a Concellaría de Cultura convida a todos a volver participar tirando de retranca, enxeño e dotes interpretativas, tres dos apartados que se puntuarán no I Concurso en liña de coplas do entroido bañense. O importe dos premios deberá gastarse no comercio local da Baña, como fórmula para colaborar coa economía do municipio.

Neste concurso poderán participar todas as persoas que o desexen, graven un vídeo de menos de 2 minutos con coplas de Entroido, e o compartan na páxina de Facebook do Concello da Baña. As persoas interesadas teñen ata o 17 de febreiro para inscribirse, e ata o venres 19 para subir o seu vídeo. Cada persoa pode presentar un máximo de 2 vídeos.

Establécense tres categorías: infantil (para menores de 9 anos), xuvenil (de 9 a 18) e adultos (maiores de 18 anos). En caso de grupos, os integrantes deberán ser conviventes e ningunha das persoas participantes poderá superar a idade indicada para cada categoría. O concurso estará dotado con 100 euros en premio para o gañador de cada categoría. Haberá tamén un premio especial do público (aquel vídeo que consiga máis gústame na páxina de Facebook), que consistirá nun lote de libros.

Para participar, primeiro hai que mandar un correo electrónico ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello, ao enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. indicando nome completo, DNI e idade dos participantes, así como o título do vídeo (que será o mesmo que o título da copla). En 24 horas recibirán a resposta de que está confirmada a inscrición e xa poderán subir o vídeo, como comentario a publicación que faga o Concello sobre este concurso na páxina de Facebook.

As coplas teñen que estar en idioma galego, ter un mínimo de 8 estrofas, ser cantadas e inéditas.

O xurado, presidido pola concelleria de Cultura e composto por por cinco persoas, fará público o seu veredicto o 24 de febreiro. Para elixir aos mellores vídeos de cada categoría valorará a letra, interpretación, posta en escena, calidade lingüística, enxeño, humor, retranca, sentido crítico, relación coas temáticas da contorna e vinculación coa tradición do Entroido.

Os gañadores terán ata o 31 de maio para presentar no Concello a xustificación de que fixeron un gasto igual ou superior ao importe do premio en calquera empresa, comercio ou establecemento que teña a súa actividade na Baña.

Consulta as bases no documento adxunto.