imprimir
Categoría: Cultura e educación
Visitas: 499

 

“Na miña casa fago o mesmo que me ensinaron meus pais: todos facemos de todo. Dende que nos casamos, o meu home e máis eu compartimos os traballos todos, tanto en nenos, como en comidas ou no campo. Entre os dous sacamos adiante todo, e os meus fillos igual. Lavan, pasan o ferro, limpan a fan de comer, aínda que a cada un gústalle máis unha cousa que outra”. Natural de Covas (Negreira), a ex perruqueira Isabel Giraut Mallón leva 37 anos vivindo na Baña, onde foi unha das promotoras da Asociación de Mulleres Alborada.

Hoxe, que se conmemora o Día Internacional da Muller, e para seguir avanzando en igualdade, “o fundamental” para Isabel Giraut “é unha boa educación dende a infancia”. “De pouco sirve que teñan carreiras e moitos medios se falla o principal: a educación dende nenos. Eso é o principal”, asegura esta muller que tivo que deixar a súa actividade profesional por unha enfermidade, pero non por iso deixa de estar activa.

A protagonista do terceiro vídeo A Baña en feminino, unha iniciativa do Concello da Baña para axudar a visibilizar o papel da muller do rural; Isabel Giraut recoñece que o feito de ter un traballo dende nova (chegou á Baña con vinte anos para facer prácticas de perruqueira e xa non marchou) “axudoume e non tiven problema para desenvolverme. A outras mulleres que non tiñan unha profesión costoulles máis, era máis difícil desprazarse, porque non había tantos coches nin autobuses como agora”.

Durante a súa etapa profesional recoñece que, como tiña a perruquería na casa, facía máis labores domésticas, “ata que chegaba o meu marido”.  Cando non tiña clientas, Isabel aproveitaba o tempo para “facer todo o que hai que facer nunha casa. Xa non era a primeira clienta que lle daba o biberón aos nenos. En canto chegaba o meu marido, botaba unha man e repartiamos o traballo da casa”, asegura.

O proxecto ‘A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural’ consta de doce audiovisuais que se publicarán na canle de Youtube do Concello ao longo deste ano, a razón de un por mes.  A mestra xubilada Dolores Allo inaugurou a serie o pasado mes de xaneiro falando das súas vivencias e os avances que experimentou a sociedade nas últimas décadas de cara a acadar a igualdade. En febreiro, o protagonista foi Carlos Sande, un mozo filloeiro que reclama “condicións idóneas” para que as mulleres conten coas mesmas oportunidades ca os homes en todos os eidos vitais.

20210308 Bana Feminino 03 Isabel Giraut