• O centro contou con 23 alumnos e alumnas matriculadas e incorporou a especialidade de canto como novidade

  • A matrícula para o vindeiro curso poderá formalizarse durante os meses de agosto e setembro

 

 

A Escola Municipal de Música da Baña clausurou o curso 2020-2021 cun concerto virtual no que a maioría do alumnado amosa os seus progresos nas diferentes disciplinas que cursan na escola. O vídeo, de 16 minutos de duración, comeza e remata coa actuación dos nenos e nenas que acoden a canto, unha especialidade que se impartiu este ano por primeira vez na escola que dirixe Martín Pose.

Coas súas actuacións, os nenos e nenas que participan neste concerto amosan os progresos acadados durante un curso que estivo marcado pola pandemia da covid-19. A Escola Municipal de Música da contou este ano con 23 alumnos e alumnas, que se puideron formar nas disciplinas de piano, acordeón, vento metal, vento madeira, percusión, guitarra e canto. Canto foi precisamente unha das novidades o pasado curso incluíu a Escola de Música da Baña na súa oferta formativa a petición do propio alumnado. A matrícula descendeu lixeiramente o pasado curso, respecto do anterior, debido á pandemia.

O Concello da Baña agradece a colaboración do profesorado para a realización deste vídeo e anima á veciñanza a anotarse na Escola Municipal de Música o vindeiro curso. O prazo de matrícula abrirase no mes de agosto para que todas as persoas que queiran seguir formándose musicalmente e tamén para aquelas que se queiran incorporar por primeira vez. As solicitudes poderanse presentar durante os meses de agosto e setembro. O procedemento para matricularse anunciaranse durante as vindeiras semanas na páxina web do Concello.