• O servizo iniciarase o martes 27 de xullo en Corneira e Ordoeste. O xoves 29 visitará A Riba e A Ermida

  • O coche do Concello situarase diante dos locais sociais cunha selección de obras para todas as idades

20210723 Biblioteca Baña BiblioMovil

O Concello da Baña poñerá en funcionamento a vindeira semana unha bibliomóbil que se desprazará polas distintas parroquias ao longo do verán coa fin de fomentar a lectura e dar a coñecer os fondos que se ofertan na biblioteca municipal.

O coche do concello sairá un día á semana cargado cunha selección de obras literarias para achegarse ás portas dos distintos locais sociais e facilitar así que os veciños collan en préstamo aquelas obras que máis lles interesen. Ademais, todas as persoas que visiten á bibliomóbil levarán un libro de agasallo.

A prestación do servizo, que tiña previsto comezar a semana pasada, viuse demorado polas obras que se están facendo na biblioteca. Por ese motivo, esta vindeira semana haberá dous días de bibliomóbil. O martes 27 de xullo estará en Corneira a partir das 10.00 horas e en Ordoeste dende as 11.30 horas. O xoves 29, mentres tanto, achegarase á Riba ás 10.00 horas e á Ermida ás 11.30 horas.

Xa en agosto, a bibliomóbil sairá os mércores e avisarase cunha semana de antelación das parroquias que vai visitar.