20180417 Dia Libro

 

O Concello da Baña organiza un maratón de contacontos para conmemorar o Día do Libro, ademais dunha actuación musical a cargo de Luis Vallecillo. Estas actividades desenvolveranse na casa da cultura da Baña, o vindeiro venres 27 de abril.

O programa do Día do Libro dará comezo ás cinco da tarde coa oitava edición do maratón de contacontos. Todas aquelas persoas que participen na lectura recibirán un conto como agasallo. Trátase dun maratón que está aberto a todo o público e no que participan todos os anos as familias do programa Maimiños e Furabolos, de promoción da lingua materna.

A continuación, ás seis e media da tarde, Luis Vallecillo presentará o seu espectáculo musical Cantamos un conto?. A actuación, dirixida a público familiar, presentará contos clásicos reconvertidos en cancións con aires roqueiros e de blues.