O director Andrés Goteira, e o productor e actor Suso López, que forman parte de Gaitafilmes, achegáronse o mércores 9 de maio ao CPI de San Vicente, na Baña, para darlle unha charla ao alumnado de Secundaria sobre como empregar a nosa lingua en todos os procesos que envolve hoxe en día a realización dun filme. Na charla coloquio tamén se falou sobre o uso do galego no día a día dunha produtora audiovisual como esta que desde unha pequena vila galega, Meira, puxo a andar a longametraxe “Doghs”, que foi rodada integramente en galego.
Na súa explicación, Suso López destacou que fixeron “un proxecto en galego para todo o mundo e isto non foi un problema senón que se fixo forte desde abaixo, empezando no noso pobo e rematando na comunidade”. Pola súa banda Andrés Goteira puntualizou que “é moi bonito traballar desde un lugar como Meira, cos amigos de toda a vida cos que xoguei ás agachadas e, ao mesmo tempo, rodearse dun equipo técnico e profesional e estar tan apoiado”.
Despois da charla houbo un coloquio co alumnado, que se mostrou moi interesado por coñecer os pormenores do proxecto. A actividade posterior consistiu nunha pequena práctica de cine, a posta en marcha dunha escena en colaboración co alumnado que ocupou os diferentes roles que hai na rodaxe dun filme: cámara, dirección, auxiliar de dirección, continuidade, sonidista, pertiguista, arte, foto, actores ou actrices… O guión estaba previamente preparado para facer unha rodaxe sinxela, como un diálogo con dous ou tres planos.
Esta actividade está encadrada dentro da campaña de normalización lingüística “O galego, a miña lingua propia” que está a desenvolver a Deputación da Coruña xunto coa colaboración dos concellos e que ten como principal obxectivo promover o uso da lingua galega entre a mocidade co fin de evitar a diminución no uso do galego nesta franxa de idade.