Máis de corenta nenas e nenos da Baña remataron hoxe o campamento urbano no que participaron todo este mes de agosto facendo múltiples actividades, practicando deportes minoritarios e coñecen os pormenores de diferentes oficios e profesións falando cos protagonistas. Actividades lúdicas e musicais, un aperitivo e cos ‘Contos de verán’ de Celtia Figueiras rematou esta actividade, que moitos dos participantes agardan poder repetir o vindeiro verán.

Celtia Figueiras trasladou os seus monicreques ata a area recreativa Agra de Chans, para contar diversos contos e historias relacionados con esta estación do ano, que todos os participantes no campamento seguiron con moito interese, e facendo algún que outro apunte.

Cos ‘Contos de verán’ remataba o Campamento urbano da Baña 2018, pero antes, e durante as dúas últimas semanas, os participantes puideron coñecer os pormenores de diferentes oficios e profesións “que a pesares de non ser todos  eles moi cotiáns, son necesarios, únicos e dificultosos”, como sinalaban os coordinadores do campamento, Luciana García e Sergio Vieites.

Así, Adrián Vázquez, futbolista profesional que esta tempada decidiu colgou as botas, explicoulles a realidade e a dureza do mundo do fútbol, que en moitas aspectos non se asemella a idea que teñen a maioría de nenos e nenas.

Con Olaia Liñares puideron coñecer como é o mundo do xornalismo e o papel destes profesionais para acadar as novas que han de comunicar, tanto en prensa como en radio ou televisión. Aproveitando a presencia de Olaia e as novas tecnoloxías, dende o campamento urbano da Baña fíxose unha conexión por Skype con Diego Villaverde, un xornalista bañense residente en Alemaña, que contou a súa experiencia no país centroeuropeo.

Rubén Suárez, bombeiro de profesión e escalador e aventureiro por vocación, deixou a todo o mundo abraiado coas aventures e desventuras que leva facendo ao longo da súa vida. Rubén aproveitou a conversa para explicarlle a nenas e nenos que deben facer en caso de que se produza un incendio.

Daniela Nieto e Silvia Capelo fixeron un simulacro de rescate na piscina municipal. As dúas socorristas tamén explicaron que se debe facer en caso de que alguén se esté afogando.

A importancia de reciclar e recoller o lixo de xeito adecuado foi unha das cousas nas que fixeron fincapé Juan Allo e Antonio Esturao, ámbolos dous traballadores do servizo de recollida do lixo na comarca, que se achegaron ao campamento co seu camión, para explicar como funciona a compactadora.

Lucía Freire, militar profeisonal na unidade da Brilat en Pontevedra, contoulles aos máis cativos a o que supón ser militar, e cal é a súa experiencia nas estadías que tivo que facer no estranxeiro en diferentes misións de paz.

O oficio de músico tamén tivo un oco neste campameto urbano. O gaiteiro Emilio Lois ensinou os instrumentos que se usaban antigamente para poder chegar a tocar o que hoxe en día coñecemos como a gaita de fol. Con Emilio, nenas e nenos fixeron tamén os seus propios instrumentos como un asubío de avela e un mirlitón.

O alcalde, Andrés García Cardeso, e a concelleira Alicia Blanco amosáronlles aos participantes no campamento as dependencias do concello e explicáronlles o traballo que fan os políticos.

Ese mesmo día, e grazas á colaboración de Sonia Gesto, nenas e nenos puideron coñecer a farmacia Gesto da Baña e a importancia e a finalidade dos medicamentos.

Como non podía faltar o oficio de panadeiro e pasteleiro, Sergio Vieites, coordinador do campamento explicoulles aos máis novos un oficio que el mesmo aprendeu dende pequeno na panadería dos seus pais. Nenas e nenos animáronse a mancharse as mans de fariña para facer pan e unhas madalenas, que debían ter moi bo sabor, porque non sobrou ningunha.

E así rematou unha iniciativa promovida polo Concello da Baña para axudar a conciliar a vida familiar e laboral e darlle unha oportunidade de lecer aos mías novos do concello. Unha experiencias que moitos e moitas das participantes agardan poder repetir o próximo verán.

Podes ver o album de fotos no Facebook do Concello da Baña, neste enlace