imprimir
Categoría: Cultura e educación
Visitas: 731

Web

 

Hoxe quedou constituída, nunha asemblea celebrada no Pazo de Raxoi, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua. Trátase dunha entidade que ten como obxectivo desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma.

Un total de quince concellos de toda Galicia estiveron representados na xuntanza, a través dos seus alcaldes e alcaldesas, de concelleiros e concelleiras, e de persoal técnico dos servizos de normalización. Ademais do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, participaron representantes da Baña, Ames, A Coruña, Teo, Ribadeo, Ferrol, Narón, Ponteceso, O Grove, Rianxo, Pontevedra, Moaña, Vilagarcía, e Rois.

Os integrantes son concellos que xa veñen colaborando en proxectos como o Apego, o certame Youtubeir@s ou o Club de Debate. O obxectivo da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega será promover a colaboración entre as distintas institucións para lograr unha xestión máis eficaz dos proxectos colaborativos en materia de lingua.

Na asemblea de hoxe acordouse que a presidencia da Asociación recaerá en Rianxo, a vicepresidencia no Concello do Grove, Pontevedra ocupará a secretaría e Ames a tesourería. Ademais, Narón, Rois e Santiago serán ocuparán as tres vogalías da entidade.