20190323 Festa Musca Baña

A asociación Nosos Aires e o Concello da Baña celebrou no mediodía deste sábado a súa II Festa da Música cunha especial homenaxe á muller traballadora. A parroquia da Riba recibiu á veciñanza da contorna no campo da festa da Carballeira, onde se habilitou unha carpa e se celebrou o xantar popular. O prato forte da celebración foi a homenaxe á muller do rural, que contou cunha exposición de ferramentas da época e co descubrimento dunha placa conmemorativa, que levou a cabo Carmen Ponte Liñares, unha veciña de 94 anos.  

A II Festa da Música da Riba conmemorou este sábado a tradición musical da parroquia, que existe dende varias xeracións atrás e que perdura entre a veciñanza máis nova. Pero na Riba non só hai músicos, por iso este ano a troula contou cunha especial homenaxe á muller do rural. Esta figura que tamén segue presente hoxe en día é fundamental para comprender a historia desta zona do Concello da Baña. Por iso, Carmen Ponte Liñares foi a invitada de honra desta edición, xa que aos seus 94 anos reflexa perfectamente a figura da muller labrega que pasou moitas penurias durante o século XX.

Deste xeito, o presidente da asociación Nosos Aires, Pepe Ramos, dedicoulle unhas palabras de recoñecemento como posta en valor do patrimonio e dos valores do rural, que en moitos casos se transmiten a través das mulleres. Tras o pequeno discurso, Carmen descubriu a placa que estará xa para sempre na Riba recordando á muller labrega.

Tamén houbo unha exposición de fotografías, vestimenta e ferramentas da época que mostraron a cantidade e variedade de labores que levaba a cabo a muller do rural, dentro e fora do fogar. Na celebración non faltou nin o bo tempo, nin o xa tradicional xantar popular composto por pulpo á feira, carne ó caldeiro, bebida, sobremesa e café. As actuacións musicais animaron a troula e despediron a Festa da Música da Riba ata o vindeiro ano.

Album de fotos no facebook do Concello da Baña (neste enlace).