imprimir
Categoría: Cultura e educación
Visitas: 807

20190323 Via Mariana presentacion

20190323 Via Mariana monolitoO alcalde da Baña asistiu esta mañá no Museo das Peregrinacións en Santiago a presentación da Vía Mariana Luso Galaica, unha ruta de peregrinación de 370 km. entre os santuario do Sameiro, en Braga, e o santuario da Nosa Señora da Barca en Muxía, unindo algúns dos principais santuarios marianos do norte de Portugal e Galicia. Na Baña, a Vía Mariana pasa polos santuarios de Seilán e Ordoeste.

O fío condutor da “Vía Mariana” son as tradicionais romarías, vivas aínda hoxe nas terras de Galicia e Portugal, que conducen aos Santuarios de devoción Mariana, culto anterior á devoción xacobea, e que remite moitas veces a outros cultos de maior antigüidade, de carácter máxico e matriarcal.

A Asociación Vía Mariana Luso Galaica, promotora do proxecto, pretende valorizar  a cultura do mundo rural interior galego e do norte de Portugal,  dinamizar áreas esquecidas en vías de desertización, preservar ó patrimonio material e inmaterial, o patrimonio natural, as nosas vilas, os nosos bosques autóctonos e xacementos arqueolóxicos.

A Asociación creouse para coordinar o traballo das asociacións, comunidades de montes e demais axentes sociais que traballaron altruistamente para crear este proxecto da man dos impulsores Luís “do Freixo” Martínez e José de la Riera Autrán.

A Vía Mariana Luso Galaica non é un camiño de Santiago, ten personalidade propia, é un proxecto único e singular, e ten garantida a súa razón de ser e o seu futuro. E nese futuro está a pretensión de acadar o merecemento de ser recoñecida como Itinerario Cultural Europeo.

Á presentación asistiron, entre outros, a Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, o Vicario Xeral da Archidiócese de Braga, o canónico José Paulo Abreu, o Dean da Catedral de Santiago, don Segundo Pérez, presidentes das cámaras de Portugal, alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras e técnicos de turismo dos municipios por onde pasa a Vía, historiadores, académicos, prensa e os socios, sen quen este proxecto non tería sido posible.

20190323 Via mariana Grupo